Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2022 Páx. 16712

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 27/2022, do 24 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Coruña das estradas DP 3001, DP 3003 e DP 3007 na súa totalidade.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Pleno da Deputación Provincial da Coruña solicitou, o día 30.6.2021, ao Concello da Coruña o cambio de titularidade das estradas provinciais DP 3001, acceso ao sanatorio de Sta. Gema en Palavea, DP 3003, San Pedro de Visma a Mazaído, e DP 3007, A Grela á Moura.

Con data do 28.7.2021 a Xunta de Goberno local do Concello da Coruña aceptou o cambio de titularidade destas estradas provincias por transcorreren polo seu termo municipal e teren cualificación urbanística de vía pública.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que as estradas DP 3001, DP 3003 e DP 3007 cumpren co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios de que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade das estradas que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Coruña na súa totalidade das estradas provincias:

Clave

Denominación

X-inicial

Y-inicial

X-inicial

Y-inicial

Lonx. (km)

DP 3001

Acceso ao sanatorio de Sta. Gema en Palavea

549.484

4.797.623

549.811

4.797.763

0,48

DP 3003

S. Pedro de Visma a Mazaído

546.061

4.801.909

545.064

4.800.684

2,38

DP 3007

A Grela á Moura

546.451

4.799.500

546.005

4.800.216

0,87

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase, no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación.

Artigo 3

Corresponden ao Concello da Coruña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de febreiro de dous mil vinte e dous

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade