Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2022 Páx. 16339

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan xeral do ordenación municipal (PXOM) no ámbito do SUD 9/10, estrada de Vigo-Chouchiños.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 22 de decembro de 2021, adoptou o seguinte acordo:

Aprobar inicialmente a modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9-10 (estrada de Vigo-Chouchiños), segundo o documento formulado polos servizos técnicos municipais de Planeamento en outubro de 2021.

En aplicación do procedemento regulado nos artigos 60.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e 144.6 do seu Regulamento de desenvolvemento (RLSG), a modificación inicialmente aprobada someterase a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A documentación sometida a información pública incluirá todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos o documento ambiental estratéxico (DAE), o informe ambiental estratéxico (IAE) e o resumo executivo.

Durante o trámite de información pública darase traslado da documentación á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e de Urbanismo, para os efectos de que solicite os informes autonómicos preceptivos e outorgue audiencia aos concellos limítrofes.

Durante o trámite de información pública solicitaranse ao órgano competente da Administración estatal os informes sectoriais preceptivos en materia de aviación civil e telecomunicacións.

Na mesma sesión o Pleno acordou acometer as modificacións do PXOM no ámbito do SUD 9-10 (estrada Vigo-Chouchiños) co obxecto de darlles maior superficie ás parcelas dotacionais previstas que permitan a ampliación do Complexo Hospitalario, resolver mellor os graves problemas de mobilidade e de estacionamento e facer viable o desenvolvemento do planeamento.

Suspensión de licenzas e actos de comunicación previa.

O acordo de aprobación inicial determina ex lege, por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da LSG e 86.2 do seu regulamento, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e derruba no ámbito das parcelas catastrais 5864504NH3456D0001SA (rúa Volta do Castro, núm. 2) e 5864503NH3456 (travesa da Choupana, núm. 1).

A suspensión inclúe tamén os actos de comunicación previa para implantar usos ou actividades non permitidos polo novo plan (artigo 86.3.d).

A suspensión non afectará os proxectos que cumpran simultaneamente as determinacións da modificación e as do PXOM vixente (artigo 86.3.c).

Nas edificacións existentes poderanse autorizar obras de conservación e mantemento do uso preexistente, ao abeiro do disposto polo artigo 90.1 da LSG.

Na parte da edificación existente non situada en solo cualificado como viario público poderán autorizarse tamén obras de reforma, sempre que non supoñan incremento do volume edificado ou unha rehabilitación integral equiparable á reconstrución total do edificio non xustificada en razóns de urxencia (artigo 86.3.a) do RLSG).

En todo caso, e en cumprimento do exixido polo artigo 39 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, requirirase autorización previa do órgano competente en materia de protección do patrimonio cultural, coas excepcións que legalmente procedan, para as intervencións que se pretendan realizar nos seguintes ámbitos:

– Área de protección integral e zonas de respecto do Castriño de Conxo e do seu petróglifo.

– Ámbito da delimitación do Camiño Portugués aprobada polo DEC/154/2013.

A suspensión terá a duración máxima de dous anos, contados a partir do día seguinte ao do acordo de aprobación inicial, e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva do planeamento.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do Concello http://transparencia.santiagodecompostela.gal/Modificacion-do-PXOM-no-ambito-do-SUD-910.-Estrada-de-Vigo-Chouchinos./gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe Catálogo de trámites a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberá introducir o dato PLA/24/2019 no campo «Código do expediente» e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2022

O alcalde
P.D. (DEC/4742/2019, do 17 de xuño de 2019)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica