Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2022 Páx. 15420

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde do 21 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2021/22 (código de procedemento ED322A).

BDNS (Identif.): 612700.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha bolsa de mobilidade Erasmus+ no curso 2021/22.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2021/22.

Terceiro. Requisitos

Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2021/22 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2021/22.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade no seu país de orixe.

Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino recibindo a formación virtual en Galicia.

Cuarto. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Quinto. Duración e contía das axudas

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

O importe global previsto na orde é de 40.000 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

Unha vez distribuída pola comisión avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicarase a cantidade resultante ao seguinte solicitante coa maior nota media no expediente académico.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade