Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 1 de marzo de 2022 Páx. 14715

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 21/2022, do 17 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade de dous treitos antigos da estrada LU-113 a prol do Concello de Abadín, xunto co seu dominio público asociado.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Abadín solicita o cambio de titularidade de dous treitos antigos da estrada LU-113 nos lugares de Abeledo e Corvite, comprendidos entre os p.q. 24+160-24+790 e os p.q. 26+780 27+160. Estes restos, despois de acometer a obra de acondicionamento da estrada LU-113, treito Moncelos-Abadín, pasan a ter un tráfico totalmente local. En ambos os casos, o dominio público viario (DPV) destes treitos antigos comprende unicamente a ocupación física das vías entre as súas arestas de explanación, dado que non constan datos de expropiación anterior á actual.

O concello de Abadín é atravesado polas estradas autonómicas LU-113, LU-120, LU-121 e LU-171.

Os treitos obxecto do cambio de titularidade son dous treitos antigos da estrada LU-113. O primeiro deles atópase no lugar da Laxe, pertencente á parroquia de Corvite, ten o seu comezo no p.q. 24+160 e o seu final no p.q. 24+790, ambos na marxe esquerda da actual estrada LU-113 e cunha lonxitude aproximada de 697 metros. O outro treito antigo atópase no lugar de Sabugos, pertencente á parroquia de Abeledo, inicia no p.q 26+790 (sen acceso) e finaliza no p.q. 27+150, ambos na marxe esquerda da actual LU-113, cunha lonxitude aproximada de 415 metros. Estes dous treitos non teñen funcionalidade dentro da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, polo que está xustificado o cambio de titularidade por razóns dunha xestión administrativa coherente e eficiente coa realidade da estrada.

En vista dos informes emitidos polos servizos competentes, a Axencia Galega de Infraestruturas formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade dos seguintes treitos a prol do Concello de Abadín, xunto co seu dominio público:

Denominación

p.q. de conexión

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

p.q. de conexión

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Marxe

Lonx. aprox. (m)

Treito antigo da LU-113, no lugar da Laxe, parroquia de Corvite

24+160

X= 622.025

Y= 4.795.990

24+790

X= 622.074

Y= 4.796.603

ME

697

Treito antigo da LU-113, no lugar de Sabugos, parroquia de Abeledo

26+790

X= 622.579

Y= 4.798.461

27+150

X= 622.460

Y= 4.798.816

ME

415

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 3

Corresponden ao Concello de Abadín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos treitos.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de febreiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade