Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 10 de febreiro de 2022 Páx. 10395

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de xaneiro de 2022 pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas de formación para o emprego non financiadas con fondos públicos (código de procedemento TR301R).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, estableceu un marco normativo que trata de consolidar no sistema produtivo unha cultura de formación profesional favorecedora da creación de emprego estable e de calidade.

A dita lei regula a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como a programación e execución das accións formativas, o seu control e seguimento, o réxime sancionador e o sistema de información, avaliación, xestión da calidade e gobernanza.

Así mesmo, a lei define como iniciativas de formación para o emprego cada unha das modalidades de formación profesional para o emprego dirixidas a dar resposta ás distintas necesidades individuais e do sector produtivo. Entre as citadas iniciativas figuran aquelas non financiadas con fondos públicos, desenvolvidas por centros e entidades acreditadas, e conducentes á obtención de certificados de profesionalidade polo alumnado participante.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, regula os certificados de profesionalidade en aspectos esenciais relacionados cos seus efectos, estrutura, contidos, criterios de impartición ou vías para a súa obtención.

O Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, modifica o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación, e no seu artigo 12 dispón que, con independencia da formación profesional para o emprego financiada con fondos públicos, as empresas e os centros de formación e os centros integrados de formación profesional de iniciativa privada tamén poderán desenvolver accións formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establece no seu artigo 5.1.g) que, no ámbito da formación profesional para o emprego, na iniciativa de formación non financiada con fondos públicos desenvolvida por centros e entidades de formación de iniciativa privada dirixida á obtención de certificados de profesionalidade poderán participar os traballadores ocupados ou desempregados que cumpran os requisitos de acceso establecidos na normativa reguladora dos certificados de profesionalidade.

Así mesmo, poderán participar nesta iniciativa aquelas persoas traballadoras que, sen cumpriren estes requisitos, realicen accións formativas de competencias clave que dean acceso a eles.

Nesta liña, o artigo 8.4 do citado Real decreto 694/2017 dispón que a iniciativa de formación non financiada con fondos públicos prevista no artigo 8.1.d) da Lei 30/2015, do 9 de setembro, poderá dirixirse tanto ás accións formativas vencelladas con certificados de profesionalidade como ás dirixidas á obtención de competencias clave, recollidos no artigo 20 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, que permitan o acceso á formación dos ditos certificados.

A Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, dispón no seu artigo 1.5.e) que queda excluída da regulación establecida nesta orden, agás aqueles aspectos que resulten de aplicación do capítulo V, referido á calidade, avaliacións, seguimento e control da oferta formativa, a formación non financiada con fondos públicos desenvolvida por centros e entidades de iniciativa privada destinada á obtención de certificados de profesionalidade e, de ser o caso, competencias clave que permitan o acceso á formación dos ditos certificados.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Decreto 69/1993, do 10 de marzo, asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

O Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, atribúelle á Dirección Xeral de Formación e Colocación, entre outras materias, as competencias relativas á dirección e xestión da formación profesional para o emprego.

A presente orde formula unha reforma en profundidade do procedemento regulado pola Orde do 30 de xaneiro de 2014, pola que se establecía o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, achegando unha maior flexibilidade e coherencia ao texto e adaptando a normativa reguladora á lóxica evolución consecuencia da entrada en vigor de novos textos normativos, ao decurso do tempo e á complexidade actual da situación sanitaria e laboral.

A orde, entre outros aspectos, reduce os prazos para a presentación de solicitudes exixidos na anterior norma; regula as diferentes modalidades de impartición da formación, presencial e teleformación; incorpora a aula virtual, que terá a consideración de formación complementaria e adicional de carácter presencial en canto que a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan de forma concorrente e en tempo real; potencia a tramitación electrónica e incorpora medidas de seguimento e control de presenza que garantan o correcto desenvolvemento da acción formativa.

Consecuentemente con todo o anterior, logo de consultar o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular, no ámbito da formación profesional para o emprego, o procedemento de solicitude e autorización que se deberá seguir para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos do sistema de formación para o emprego no ámbito laboral conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou, de ser o caso, competencias clave que permitan o acceso á formación dos ditos certificados.

Para os efectos desta orde, terán a consideración de fondos públicos para o financiamento da formación profesional para o emprego os determinados na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, e a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

Artigo 2. Entidades solicitantes

Poderán acollerse ao disposto nesta norma todas aquelas entidades que sexan titulares de centros ou entidades de formación para o emprego acreditadas e/ou inscritas para impartir especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou competencias clave no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia, na modalidade presencial ou de teleformación.

Artigo 3. Forma e lugar de presentación das solicitudes e a documentación complementaria

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación Sifo, anexo I, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende mediante a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados nas bases reguladoras e/ou a correspondente convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

2. Cada solicitude de autorización poderá incluír ata un máximo de tres accións formativas.

3. A solicitude deberá presentarse acompañada da documentación complementaria relacionada no artigo 5 desta orde.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento, achegarase electronicamente mediante a presentación do documento orixinal, de se tratar dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou gradación de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal durante o prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 4. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

b) Que os lugares e modalidades de impartición das accións formativas serán aqueles para os cales están acreditadas ou inscritas para tal fin, nos termos do artigo 15 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que cumpren e manterán as condicións e requisitos que exixe toda a normativa aplicable á correspondente especialidade formativa, concretamente, a obriga de impartir a formación nos espazos e cos medios formativos acreditados para tal fin, así como a de manter as exixencias técnico-pedagóxicas, de instalacións, equipamento e medios humanos e tecnolóxicos tidos en conta para a acreditación da especialidade.

c) Que coñece as estipulacións da presente orde e que cumpre cos requisitos sinalados nela.

d) Que a entidade conta con capacidade suficiente, en termos económicos, técnicos, de recursos humanos, materiais e organizativos, así como de aulas, talleres e instalacións en xeral, para asumir na súa totalidade a execución completa das accións formativas para as cales solicita autorización.

e) Que a entidade dispón da documentación que acredita o cumprimento dos anteriores aspectos e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida.

f) Que, de ser o caso e de acordo co disposto no artigo 13.4 da presente orde, as impresións dixitais das persoas participantes nas accións formativas se corresponderán coas das persoas que din ser.

g) Que, de acordo co establecido no artigo 1 desta orde, a acción formativa non se financia con fondos públicos do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

2. A presentación dunha declaración responsable que falsee ou oculte circunstancias que alteren a resolución de autorización poderá ter a consideración de infracción coas posibles consecuencias que se recollen na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) Ficha da acción formativa (anexo II).

b) Compromiso da subscrición do convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que se realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluído no certificado de profesionalidade, de ser o caso (anexo II).

c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito).

d) Acreditación do pagamento da taxa de solicitude de autorización para impartir accións formativas (código 30.57.01).

No caso de que unha única solicitude inclúa a petición de autorización para impartir máis dunha acción formativa, deberá aboarse e achegarse a taxa para cada unha delas.

e) Naquelas accións formativas en que estea previsto o uso de aula virtual como medio complementario e adicional de desenvolver o proceso formativo, memoria explicativa detallada que acredite, de acordo co disposto no artigo 17.4 da presente orde, a viabilidade de impartir mediante aula virtual aqueles contidos do programa formativo que estea previsto realizar utilizando este medio.

A memoria deberá indicar expresamente que contidos se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, o calendario de sesións presenciais e de exames que se van realizar, así como dos medios tecnolóxicos que se utilizarán para garantir, de acordo co disposto na presente orde, o correcto desenvolvemento, seguimento e control da actividade.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente e de acordo co disposto no artigo 3 desta orde.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os correspondentes documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban efectuar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática Sifo, e deberá adecuarse a presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas pola Administración ao disposto no artigo 11.6 da presente orde.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto todo o ano.

Artigo 9. Procedemento de tramitación

1. O órgano instrutor do procedemento de tramitación será a Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

2. Comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos na presente orde e demais normativa de aplicación para impartir formación para o emprego, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación emitirá resolución pola cal se autoriza ou denega a realización das accións formativas solicitadas ao abeiro da presente orde.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución ditada para tal efecto. Este prazo poderá ser ampliado ata cinco días hábiles, por petición da entidade interesada, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de trinta días hábiles contados desde a presentación da solicitude.

O dito prazo suspenderase cando deba requirirse á entidade interesada a emenda de deficiencias ou a achega de documentos e elementos de xuízo necesarios, polo tempo que medie entre a notificación do requirimento e o seu efectivo cumprimento pola entidade interesada, ou, na súa falta, polo transcurso do prazo concedido.

5. A resolución de autorización establecerá as condicións, obrigas e determinacións accesorias ás que se deba suxeitar a entidade autorizada.

6. Transcorrido o prazo de trinta días hábiles establecido no número 4 sen que se dite resolución expresa, entenderase, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, estimada a solicitude.

7. Logo de comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que incluirá unha explicación das causas que a motivan, así como as novas datas de inicio e remate da actividade, as entidades poderán aprazar o comezo dunha acción formativa autorizada.

A comunicación de aprazamento de inicio da acción formativa deberá presentarse cunha antelación mínima de cinco días hábiles en relación coa data autorizada para o comezo da actividade na resolución de autorización.

O período máximo de tempo que se poderá aprazar o inicio dunha acción formativa en relación coa data de comezo establecida na resolución inicial de autorización será de seis meses.

O número máximo de aprazamentos da data de inicio dunha determinada acción formativa será de dous.

Artigo 10. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de formación para o emprego, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal

Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A presentación de documentación derivada das notificacións efectuadas será realizada exclusivamente mediante o programa informático Sifo ou a través do programa de notificación xenérico do aplicativo Forman, que disporá dun punto único para efectuar todos os envíos de documentación á Administración.

Unicamente no caso de que non fose posible por problemas técnicos acreditados que imposibilitasen a presentación de documentación polos medios establecidos no parágrafo anterior, a entidade interesada podería realizar a súa presentación por medio dos trámites comúns da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), a través do procedemento PR004A.

Artigo 12. Obrigas das entidades autorizadas

As entidades autorizadas estarán obrigadas a:

1. Realizar as accións formativas solicitadas segundo o previsto nesta orde e na resolución de autorización, así como, de ser o caso, no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, e demais normativa reguladora que resulte de aplicación.

2. Como mínimo cinco días hábiles antes do inicio da acción formativa introduciranse na aplicación informática Sifo os seguintes datos:

a) A relación do alumnado participante, con indicación daquel que vai realizar, de ser o caso, o módulo de formación práctica en centros de traballo.

Para os efectos de posibles notificacións, envío de diplomas ou remisión de certificados emitidos á solicitude da persoa interesada, deberá incluírse o enderezo de correo electrónico das persoas participantes na actividade formativa.

Nas accións formativas que se van impartir na modalidade de teleformación que inclúan actividades presenciais, deberá indicarse o centro presencial e, de ser o caso, o grupo, en que as persoas participantes recibirán a dita formación.

b) Acta asinada pola persoa representante legal da entidade en que se manifeste expresamente, unha vez realizado o proceso de selección do alumnado, que as persoas candidatas seleccionadas cumpren os requisitos de acceso para realizar a formación correspondente.

c) Programa completo da acción formativa, con indicación das súas datas de comezo e remate e, de ser o caso, o horario de impartición, así como dos módulos formativos que se van impartir, a súa duración e equipamentos necesarios.

d) A planificación do proceso de avaliación, con indicación das datas de realización das probas finais, dos instrumentos de avaliación válidos e fiables que se van aplicar, baseados nun sistema de puntuación e corrección obxectivo, dos espazos destinados ás probas e a duración destas.

e) A relación de persoal docente que vai impartir a acción formativa, coa relación dos módulos que impartirá cada un deles, facendo constar a súa formación metodolóxica e a documentación acreditativa da súa formación e experiencia cando esta non estea en poder da Consellería de Emprego e Igualdade.

f) A identificación do persoal de preparación de clases e titorías para o reforzo formativo e a impartición da docencia, de ser o caso

g) A identificación do persoal que asuma as tarefas de administración e dirección estritamente necesarias para a preparación, xestión e execución da acción formativa.

h) A planificación temporal da acción formativa, que, no caso de especialidades de estrutura modular, deberá detallarse para cada un dos módulos que inclúe, incluídos os transversais, con indicación, de ser o caso, da previsión das visitas didácticas para realizar ao longo do curso.

i)  No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade:

• Planificación didáctica, elaborada segundo o anexo III da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

• Programación didáctica de cada módulo formativo e, se é o caso, unidades formativas, utilizada como guía de aprendizaxe e avaliación, elaborada segundo o anexo IV da orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

• Planificación da avaliación, consignada de acordo co anexo V da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

j) Indicación expresa de que contidos e/ou módulos que compoñen a acción formativa se van impartir en presencial, teleformación ou, de ser o caso, a través de aula virtual, con información da súa duración, datas de realización e calendario de sesións presenciais.

k) As chaves de acceso á correspondente plataforma informática e/ou aula virtual, se é o caso, para os efectos de seguimento e control do desenvolvemento da acción formativa.

As chaves de acceso á plataforma de teleformación deberán permitir a conexión co perfil de administrador/a, titor/a-formador/a e alumno/a.

l) O xustificante acreditativo do pagamento da taxa de seguimento, control e avaliación de cada acción formativa autorizada, código 30.57.02.

m) Documentación acreditativa dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil para a realización da acción formativa e, de ser o caso, o módulo de formación práctica en centros de traballo. O seguro deberá abranguer todo o período de duración da formación e dar cobertura ao risco de accidente in itinere e aos riscos derivados de posibles visitas do alumnado a empresas ou outras instalacións como apoio ao desenvolvemento das actividades formativas.

As coberturas mínimas do seguro de accidentes serán as establecidas na orde de bases reguladoras das accións formativas para o emprego (persoas traballadoras desempregadas), procedemento TR301K, vixente no momento da resolución da autorización para impartir a acción formativa.

3. Requirir de cada persoa alumna no momento da súa incorporación á acción formativa e para a súa inclusión no sistema informático Sifo a documentación acreditativa necesaria para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais, de ser o caso.

4. Comunicar, a través da aplicación informática Sifo, as baixas e altas de persoas alumnas e as datas en que se produzan, de ser o caso.

5. Cada módulo formativo das accións formativas correspondentes a especialidades conducentes á obtención dun certificado de profesionalidade para realizar na modalidade presencial poderá ser impartido, como máximo, por dúas persoas formadoras, que deberán cumprir cos requisitos que para cada módulo formativo se establezan no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

Toda persoa que fose validada como formadora por unha unidade administrativa dunha administración pública competente en materia de formación profesional para o emprego para impartir unha determinada especialidade entenderase que cumpre cos requisitos para impartilo, na modalidade para a cal foi validada, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. As persoas responsables da titorización-formación que impartan formación na modalidade de teleformación deberán acreditar o cumprimento dos requisitos de formación requiridos para cada especialidade e posuír formación e/ou experiencia verificable nesta modalidade, e desempeñarán, como mínimo, as funcións establecidas no artigo 17.2 da Orde TMS/368/2019.

Para acreditar a experiencia na modalidade de teleformación e na utilización das tecnoloxías da información e comunicación, exixirase, cando menos, unha formación de 30 horas ou 60 horas de impartición nesta modalidade.

Artigo 13. Execución da actividade por parte das entidades autorizadas

As entidades autorizadas están obrigadas a realizar as actividades de formación para a obtención de certificados de profesionalidade conforme o previsto na normativa aplicable e cumprindo as seguintes obrigas:

1. Expor no taboleiro de anuncios do centro e, de ser o caso, na páxina web do centro o programa completo da acción formativa temporizado, de ser o caso, por módulos, así como a relación do persoal docente e o horario do curso.

2. Informar o alumnado do alcance da formación, así como dos requisitos necesarios para poder participar na actividade formativa e, naqueles casos en que a realización da formación teña lugar mediante a modalidade de teleformación, ou a través de aula virtual, dos medios técnicos necesarios e adecuados para poder asistir con aproveitamento á actividade. Da dita comunicación deberá quedar constancia escrita, que a entidade deberá incorporar ao expediente electrónico recollido en Sifo.

3. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Emprego e Igualdade, no relativo ao desenvolvemento das accións formativas, e someterse ás actuacións de avaliación, seguimento e control, internas e externas, segundo o Plan anual de avaliación, recollido no Real decreto 34/2008 que regula os certificados de profesionalidade.

4. As entidades deberán dispor dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

En función da modalidade en que teña lugar a realización da acción formativa, presencial ou teleformación, e de se a especialidade formativa está dirixida ou non á obtención dun certificado de profesionalidade, serán de aplicación os seguintes criterios:

a) Na modalidade presencial e na parte presencial da modalidade de teleformación, o control de asistencia realizarase mediante o uso dun sistema de control biométrico, que deberá rexistrar diariamente a pegada dixital das persoas participantes ao inicio e á finalización da actividade (de ser a acción formativa en horario de mañá ou de tarde), e catro veces ao día, de impartirse a acción formativa en xornada partida: ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e ao remate da xornada de tarde.

Tanto o conxunto do alumnado como o persoal docente estarán obrigados a efectuar o referido control de presenza, de entrada e saída diaria, mediante o sistema de control biométrico.

Se por circunstancias técnicas non for posible rexistrar a dita presenza mediante o sistema de control biométrico, esta deberá efectuarse mediante sinatura manual de parte de asistencias, con indicación exacta de hora e minutos de entrada e saída. Estes datos de asistencia deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación Cobipe, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran.

Para os efectos de poder efectuar o devandito control de asistencia, o alumnado participante e o persoal docente deberán rexistrar a súa impresión dixital na propia entidade formadora con carácter previo á data de inicio ou de incorporación á acción formativa.

A correspondencia entre as impresións dixitais e a persoa que identifican acreditarase mediante declaración responsable, cuxo contido deberá respectar o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Esta declaración responsable deberase presentar a través da aplicación Sifo. A presentación dunha declaración responsable falsa terá os efectos recollidos no artigo 4.2 da presente orde.

b) Nas accións formativas que se van impartir na modalidade de teleformación ou naqueles casos en que a formación presencial se desenvolva mediante aula virtual, o control de asistencia deberá efectuarse a través dos instrumentos previstos na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e na Orde TMS/369/2019, do 28 de marzo, pola que se regula o Rexistro Estatal de Entidades de Formación do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, así como os procesos comúns de acreditación e inscrición das entidades de formación para impartir especialidades formativas incluídas no Catálogo de especialidades formativas no marco do sistema da formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

As entidades deberán dispor da tecnoloxía necesaria para verificar e acreditar a participación ou asistencia do alumnado e do persoal docente, segundo o caso, mediante o uso de control biométrico, DNI electrónico, sinatura dixital ou calquera outro método que garanta a identificación correcta e inequívoca dos participantes, ademais dos métodos para seguir o número de horas de conexión, a realización de exercicios prácticos e a superación dos controis periódicos.

Na modalidade de teleformación será admisible unha declaración responsable, que se vaia presentar a través da aplicación Sifo, na cal se determine a correspondencia entre o código de usuario e a persoa alumna e permita o adecuado seguimento e control da participación do alumnado e titores-formadores na acción formativa, o número de horas de conexión, a realización de exercicios prácticos e a superación dos controis periódicos.

Na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual, esta deberá contar cun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen as persoas participantes na aula e as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de realización da aula por parte dos órganos de control para os efectos de permitir realizar aquelas actuacións de seguimento e control que procedan.

Os datos de asistencia do alumnado na formación presencial desenvolvida mediante aula virtual deberán ser mecanizados pola entidade beneficiaria na aplicación Cobipe, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran.

c) Nos certificados de profesionalidade, no relativo á realización do módulo de prácticas non laborais en empresas, o control de asistencia non requirirá o control biométrico, e estará limitado a controis de asistencia que deberán asinar diariamente (de ser a acción formativa en horario de mañá ou tarde) ao inicio e á fin da actividade, e catro veces ao día de ser a acción formativa en xornada partida (ao inicio e á fin da xornada de mañá e ao inicio e ao fin da xornada de tarde).

5. As accións formativas presenciais non poderán realizarse en horario nocturno. Para os efectos desta orde, enténdese como horario nocturno o período de tempo comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas.

Con carácter excepcional e logo de solicitude da entidade debidamente xustificada mediante memoria explicativa, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá autorizar a realización de accións formativas que total ou parcialmente se impartan dentro do horario nocturno establecido no anterior parágrafo.

6. Salvo autorización expresa do persoal técnico da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, non se poderá modificar nin a duración nin, no suposto de formación de carácter presencial ou na parte presencial da modalidade de teleformación, o lugar ou o horario de impartición.

En todo caso, deberáselle solicitar á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego, cun mínimo de cinco días hábiles de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento da acción formativa.

Esta solicitude deberá acompañarse dunha memoria explicativa das causa que a motivan.

7. A entidade autorizada deberá verificar que no momento do comezo da acción formativa a especialidade segue de alta no Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema da formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e que o programa de alta non difire do programa autorizado.

En ningún caso nin a Dirección Xeral de Formación e Colocación nin a Consellería de Emprego e Igualdade adquirirán ningunha responsabilidade respecto daquelas persoas que puidesen participar na formación sen reunir os requisitos de acceso exixidos para as especialidades formativas de que se trate, ou se a formación se impartise sen cumprir os requisitos exixibles de conformidade coa normativa aplicable e o Catálogo de especialidades formativas.

Neste sentido, non se expedirán diplomas nin certificados de ningún tipo ás persoas alumnas que participen na formación sen reunir os referidos requisitos, nin se asumirá ningún tipo de responsabilidade económica derivada da súa participación.

Artigo 14. Especificacións de control de asistencia por razóns de saúde

1. As entidades autorizadas que impartan accións formativas no marco do procedemento TR301R poderán aplicar, de ser o caso, por razóns de saúde e para os efectos de cumprir coas disposicións que limiten a capacidade como consecuencia da situación e evolución da COVID-19, o establecido neste artigo en materia de controis de asistencia e de horarios.

2. Na modalidade de impartición presencial, así como na parte presencial da modalidade de teleformación ou mixta, poderase seguir empregando o control biométrico de asistencia para persoal docente e alumnado mediante impresión dixital, sempre que se garanta a seguridade e hixiene suficiente a través do uso de xeles ou composicións hidroalcohólicas e a limpeza dos dispositivos de control conforme as disposicións sanitarias vixentes, pero tamén se poderá substituír total ou parcialmente, para todos os efectos, a través de tarxeta de fichaxe, DNI electrónico ou sinatura electrónica mediante a captura de sinatura dixitalizada con datos biométricos e por outros métodos que permitan reflectir e ter constancia da hora e dos minutos de entrada e saída.

Se a entidade acredita suficientemente que non pode pór en funcionamento algún dos ditos sistemas de control de asistencia con anterioridade ao comezo ou continuación da acción formativa (por desabastecemento do mercado da tecnoloxía necesaria, acreditado documentalmente mediante a certificación de, cando menos, 3 empresas provedoras; por negativa, acreditada documentalmente, a empregar calquera dos anteriores métodos por parte do 75 % do alumnado; ou por imposibilidade de que a Administración competente verifique os datos biométricos), poderalle solicitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación autorización para que o control de asistencia se limite á sinatura manual do parte de asistencias, con indicación exacta de hora e minutos de entrada e saída.

Cando a Dirección Xeral de Formación e Colocación autorice este método de control, a entidade deberá presentar, a través da aplicación Sifo, as declaracións responsables individualizadas, asinadas por cada unha das persoas participantes, en que ratifiquen a súa asistencia a todas e cada unha das sesións e nos horarios reflectidos nos partes de asistencia, que deberán anexarse á dita declaración.

Os datos de calquera dos métodos de control de asistencia a que se refire este número deberán ser mecanizados pola entidade na aplicación Cobipe, no prazo improrrogable de 3 días hábiles desde a impartición da sesión a que se refiran. Ademais, a través do sistema informático Sifo, deberán incluír os partes de asistencia e as declaracións responsables escaneadas ou facilitar os medios de acceso ás aplicacións correspondentes, para o oportuno control por parte da unidade administrativa competente.

O incumprimento dalgunha destas obrigas de mecanización en prazo e inclusión de documentación na aplicación poderá dar lugar a que non se compute a dita xornada como impartida.

Artigo 15. Seguimento e control das accións formativas

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, as xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade aplicarán un sistema de seguimento e control, que poderá implicar, entre outras actuacións, visitas presenciais naquelas accións formativas que se desenvolvan total ou parcialmente na modalidade presencial.

2. Nas accións formativas que se van impartir na modalidade de teleformación, o seguimento poderá implicar o acceso á correspondente plataforma informática para verificar a evolución do desenvolvemento da actividade formativa a través do uso de chaves de acceso con perfil de administrador/a, titor/a-formador/a e/ou alumno/a, que, para tales efectos, deberá facilitar a entidade beneficiaria.

Este seguimento poderá complementarse con chamadas telefónicas por mostraxe para realizar ás persoas participantes na actividade e visitas de seguimento ás sesións presenciais.

Nas accións formativas impartidas na modalidade de teleformación cuxas actividades presenciais teñan lugar en centros localizados en diferentes provincias, cada xefatura territorial será competente para realizar o seguimento e control da acción formativa e alumnado que asista ás actividades que teñan lugar no seu ámbito territorial.

3. Cando a acción formativa se desenvolva a través de aula virtual, poderán efectuarse conexións durante o tempo de impartición da formación por parte dos órganos de control para os efectos de permitir realizar aquelas actuacións de seguimento que procedan. Para estes efectos, a entidade deberá facilitar, nos termos establecidos no artigo 12, as credenciais que permitan o acceso á aula.

4. As persoas empregadas públicas encargadas do seguimento e control verificarán a realización da actividade e realizarán as comprobacións encamiñadas a garantir a correcta realización da acción formativa. A entidade deberá colaborar con estas actuacións de xeito dilixente achegando canta documentación lle fose requirida.

5. Posibilitaráselle á entidade beneficiaria a posibilidade de asinar o informe ou acta durante a visita de control, para acreditar a súa presenza, así como de engadir as observacións que considere oportunas.

Cando se empreguen medios de control electrónicos, a autoridade competente ofreceralle a posibilidade á beneficiaria de estampar a súa sinatura electrónica.

Artigo 16. Accións formativas

1. As accións formativas que se impartan ao abeiro do disposto nesta orde serán as correspondentes a especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade ou, de ser o caso, competencias clave que permitan o acceso á formación dos ditos certificados de profesionalidade dos niveis de cualificación profesional 2 e 3, e deberán estar incluídas no Catálogo de especialidades formativas.

2. Condicionado á modalidade de impartición autorizada para cada especialidade no Catálogo de especialidades formativas, as accións formativas poderán impartirse en calquera das modalidades previstas no artigo 17 desta orde.

3. Unha acción formativa deberá ter unha única data de inicio e de remate, independentemente de que, no caso de que esta se imparta na modalidade de teleformación, as actividades presenciais se desenvolvan en diferentes centros presenciais.

4. As especialidades formativas dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade poderán impartirse ou ben completas, ou ben por módulos formativos.

A acción formativa deberá incluír, como mínimo e sen prexuízo do disposto no número 5 deste artigo, un módulo formativo dunha especialidade asociada a un certificado de profesionalidade. Non se poderán impartir unidades formativas que non completen un módulo.

De ofertar a totalidade da especialidade formativa asociada a un certificado de profesionalidade, deberá incluírse obrigatoriamente na oferta o módulo de prácticas non laborais.

5. O módulo de formación práctica en centros de traballo vinculado a un determinado certificado de profesionalidade poderá impartirse independentemente nos seguintes casos:

a) Cando as persoas participantes proveñan do Subsistema de formación profesional para o emprego e teñan a cualificación de «apto/a» en todos os módulos formativos do certificado de profesionalidade.

b) Cando as persoas participantes proveñan da formación profesional do sistema educativo sen ter superado o correspondente módulo profesional de formación en centros de traballo, e presenten o certificado académico que acredite a superación dos módulos profesionais concretos e a súa relación coas unidades de competencia acreditadas que conforman o certificado de profesionalidade.

6. O alumnado non poderá realizar o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas se previamente non ten superado o resto de módulos do dito certificado.

Como excepción ao disposto no parágrafo anterior, naquelas accións formativas que se vaian impartir na modalidade de teleformación poderá simultanearse, logo de solicitude da entidade formadora, que deberá acompañarse dunha memoria explicativa, a realización do derradeiro módulo formativo e do módulo de prácticas non laborais. A dita solicitude deberá ser autorizada pola Subdirección Xeral de Formación para o Emprego.

A autorización estará condicionada ao cumprimento dos seguintes requisitos:

• Todo o alumnado deberá ser informado, con carácter previo ao comezo da acción formativa, da simultaneidade na realización do derradeiro módulo formativo do programa e do módulo de prácticas. Da dita comunicación deberá quedar constancia escrita, datada e asinada polas persoas participantes, que a entidade deberá incorporar ao expediente electrónico recollido en Sifo.

No caso de que a acción formativa estivese iniciada no momento de realizar a solicitude, esta deberá acompañarse da documentación acreditativa de que todas e cada unha das persoas participantes foron debidamente informadas das consecuencias do cambio e que mostran o seu acordo expreso con el.

• En ningún caso poderá haber colisión de horarios entre as actividades presenciais do módulo formativo e do módulo de prácticas.

• Deberán respectarse os límites de horas de impartición diarias e semanais establecidas pola normativa vixente para as actividades presenciais do módulo formativo e do módulo de prácticas.

• De ser o caso, no prazo máximo de cinco días hábiles desde a notificación da autorización, deberá introducirse na aplicación informatica Sifo a planificación temporal da acción formativa coas adaptacións necesarias que permitan simultanear os módulos autorizados.

7. Serán de obrigado cumprimento, para os efectos desta orde, os requisitos exixidos para o persoal docente e o alumnado participante, así como aqueles que, respecto ás instalacións, equipamento e dotacións necesarios, sexan requiridos para cada especialidade.

Artigo 17. Modalidades de impartición

1. As accións formativas impartiranse na modalidade presencial.

Así mesmo, poderán impartirse na modalidade de teleformación aquelas especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade que admitan esta modalidade de impartición.

2. Cando a formación se desenvolva na modalidade de teleformación, a entidade solicitante deberá estar acreditada ou inscrita, segundo o caso, no correspondente Rexistro de Entidades de Formación para o Emprego para impartir nesta modalidade a especialidade para a cal solicitan autorización.

As sesións de formación e avaliación presencial deberán realizarse en centros presenciais localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e acreditados ou inscritos pola Administración pública competente para impartir a correspondente especialidade formativa de formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma.

A impartición deberá contar cunha metodoloxía apropiada para esta modalidade, complementada con asistencia titorial, e realizarse a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe que posibilite a interactividade do alumnado, persoal de titoría e recursos, e que garanta a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado para as persoas participantes, o seu seguimento continuo e a avaliación de todo o proceso.

3. Na formación que se vai impartir na modalidade de teleformación deberá haber, como mínimo, un titor por cada 80 participantes.

Sen prexuízo do que determinen as autoridades en materia sanitaria e de prevención de riscos laborais, nos casos en que as instalacións cumpran os requisitos que posibiliten esta capacidade o número máximo de participantes nas accións formativas que se van impartir na modalidade presencial ou nas actividades presenciais da modalidade de teleformación será de 15 persoas.

As actividades presenciais da modalidade de teleformación poderán impartirse en varios centros presenciais que, para os efectos de cumprir os requisitos de capacidade, poderán desagregarse en varios grupos.

Non se poderán realizar cambios de alumnado entre centros presenciais e/ou grupos, agás autorización expresa do persoal técnico da Subdirección Xeral de Formación para o Emprego e logo de solicitude da entidade debidamente motivada.

4. Con independencia do tipo de modalidade de impartición, as entidades beneficiarias poderán facer uso da aula virtual, de acordo cos requisitos e prazos de comunicación establecidos nesta orde, como medio complementario e adicional para desenvolver o proceso formativo, sen que a impartición da totalidade dunha especialidade formativa do Catálogo de especialidades formativas poida realizarse a través de aula virtual.

De acordo co establecido na disposición adicional cuarta da Orde TMS/369/2019, do 28 de marzo, considérase aula virtual a contorna de aprendizaxe onde a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono.

A impartición da formación mediante aula virtual deberá estruturarse e organizarse de modo que se garanta en todo o momento que exista conectividade sincronizada entre as persoas formadoras e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.

Non poderá utilizarse unha aula virtual para realizar as sesións que precisen presenza física do alumnado e/ou requiran a utilización de espazos, instalacións ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas.

Para os efectos de garantir o cumprimento do disposto no anterior parágrafo, poderase, de ser o caso, requirir das entidades de formación toda aquela información e/ou documentación acreditativa da viabilidade de impartir mediante aula virtual a totalidade ou parte dos contidos solicitados. No caso de que a información e/ou a documentación solicitada non se achegue ou se achegue parcialmente, se presente fóra de prazo, ou non se acredite a viabilidade de impartir a formación mediante aula virtual, esta deberá efectuarse, logo de notificación á entidade interesada, presencialmente.

Non poderán realizarse a través de aula virtual exames finais ou probas de aptitude e/ou avaliación de carácter oficial.

5. Se unha vez autorizada unha solicitude a entidade desexa modificar a impartición presencial dalgunha parte dos contidos ou dalgún módulo da acción formativa para realizalo a través de aula virtual, deberá solicitalo previamente á Subdirección Xeral de Formación para o Emprego para a súa autorización, cun mínimo de dez días hábiles de antelación en relación coa data prevista para o inicio da impartición da formación por este medio virtual.

A solicitude deberá incluír unha memoria detallada da petición, con indicación expresa dos contidos que se impartirán mediante aula virtual, a súa duración e datas de realización, o calendario de sesións presenciais e de exames que se van realizar, así como dos medios tecnolóxicos que se utilizarán para garantir, de acordo co disposto na presente orde, o correcto desenvolvemento, seguimento e control da actividade.

No caso de que a acción formativa estivese iniciada no momento de realizar a solicitude, ou xa se realizase e comunicase a selección do alumnado que vai participar nela, deberá presentarse a documentación acreditativa de que todas e cada unha das persoas alumnas da acción formativa foron debidamente informadas das consecuencias de participar mediante aula virtual e que mostran o seu acordo expreso ao cambio.

6. A Subdirección Xeral de Formación para o Emprego poderá autorizar, excepcionalmente e logo de petición da entidade de formación, o seguimento da acción formativa mediante aula virtual para aqueles alumnos/as que non poidan asistir á actividade por causas sobrevidas como consecuencia da COVID-19.

A autorización deberá ser individual para cada persoa alumna, abranguerá o tempo indispensable necesario para garantir o respecto ás medidas de seguridade e saúde establecidas polas autoridades competentes e estará suxeita ao cumprimento dos requisitos establecidos nos números 4 e 5 deste artigo.

Artigo 18. Calidade e avaliación

1. En aplicación do establecido no artigo 18 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, as entidades deberán realizar unha avaliación e control de calidade da formación que executen, na cal se obterá a opinión do alumnado sobre a formación recibida.

As actuacións realizadas polas entidades en materia de avaliación deberán comunicarse e deberase dar traslado de copia da documentación e dos resultados obtidos a través dun informe, que se incluirá no expediente a través do aplicativo Sifo.

Así mesmo, deberán mecanizarse en Sifo os resultados individuais obtidos polo alumnado nos diferentes controis e probas de avaliación da acción formativa.

2. Os mecanismos de seguimento e control das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade axustaranse ao disposto no artigo 22 da Orde ESS/1897/2013, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

3. A Consellería de Emprego e Igualdade velará pola calidade da formación profesional para o emprego e as entidades colaborarán na avaliación da formación que executen, seguindo as instrucións que para tal fin poderá ditar a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 19. Obrigas do alumnado

1. O alumnado participante terá a obriga de:

• Na modalidade presencial ou nas actividades presenciais da modalidade de teleformación, rexistrar a súa asistencia e seguimento da acción formativa mediante o uso daqueles sistemas de control autorizados nos artigos 13 e 14 desta orde e que, para tales efectos, aplique a entidade formadora.

• Responder o formulario da enquisa de avaliación da calidade da acción formativa, que se lle remitirá por vía telemática ao remate da actividade formativa ou, de ser o caso, que se lle entregará en soporte de papel para a súa cobertura.

2. Nas accións formativas de especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, terán a obriga de presentar copia da documentación acreditativa dos requisitos de acceso para poder participar nelas. De ser o caso, tamén deben presentar a documentación acreditativa para a exención do módulo de prácticas profesionais non laborais e/ou dos módulos formativos xa superados.

Artigo 20. Diplomas

1. Rematada a acción formativa, dados de alta en Sifo os resultados individuais obtidos polo alumnado nos diferentes controis e probas de avaliación da acción formativa, e logo de solicitude da entidade autorizada, a Dirección Xeral de Formación e Colocación emitirá os correspondentes diplomas de acordo cos criterios establecidos nesta orde.

2. Para ter dereito a diploma o alumnado deberá cumprir os requisitos de acceso exixidos para asistir á acción formativa e rematar con aproveitamento a acción formativa cumprindo as seguintes condicións:

a) Modalidade presencial:

Asistir e superar o 75 % de cada un dos módulos que integran a acción formativa, independentemente de que se programase a especialidade completa ou modularmente, ou asistir e superar o 75 % da especialidades formativas incluídas na acción formativa, segundo se trate respectivamente de especialidades vinculadas ou non a certificados de profesionalidade.

No caso de especialidades vinculadas a certificados de profesionalidade, esta porcentaxe non afectará o alumnado que curse unha ou máis unidades formativas soltas integrantes dun módulo formativo destinado á obtención dun certificado de profesionalidade, sempre que estean exentos da realización das unidades formativas a que non asistan por telas xa cursadas, de acordo co establecido no artigo 6.2 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade.

b) Modalidade de teleformación: realizar en prazo e superar con aproveitamento, de acordo cos criterios de avaliación establecidos e cuantificados para cada actividade, a totalidade dos controis programados para a parte específica das horas impartidas por teleformación, así como, de ser o caso, o exame final de avaliación presencial.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación determinará o modelo de diploma que se vai entregar, no cal en todo caso deberá constar:

a) Nome, apelidos e DNI da alumna ou alumno.

b) A denominación da acción formativa.

c) As horas de impartición, con especificación das horas presenciais ou de teleformación, de ser o caso.

d) O lugar e as datas de realización.

e) O programa da acción formativa extractado por módulos, de ser o caso.

f) O logotipo da Consellería da Xunta de Galicia.

4. Tanto a emisión dos diplomas como, de ser o caso, a expedición de certificados polas horas e módulos realizados efectuaranse en soporte electrónico.

Artigo 21. Formación práctica en centros de traballo

1. A impartición do módulo de formación práctica en centros de traballo axustarase ao establecido no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro; na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro; ao estipulado no real decreto regulador de cada certificado de profesionalidade, e aos requisitos establecidos nesta orde.

En ningún caso poderá impartirse na modalidade de teleformación.

2. Os módulos de prácticas profesionais non laborais correspondentes aos certificados de profesionalidade impartiranse en centros de traballo cuxa actividade estea vinculada coa acción formativa autorizada e relacionada co seu contido formativo, logo de subscrición dun convenio ou acordo entre a empresa e a entidade de formación, que será posto en coñecemento da persoa que realiza as prácticas, e no cal deberán describirse as seguintes epígrafes:

• O seu contido.

• A súa duración, lugar de realización e horario.

• O sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

3. Procedemento que se deberá seguir para a súa xestión e tramitación:

Con dez días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, a entidade de formación presentará a través do aplicativo Sifo a correspondente comunicación á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, xunto coa seguinte documentación:

• Convenio ou acordo subscrito coa empresa ou empresas en que realizará o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade.

• Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

• Datas, lugar de realización, horario e duración.

• Alumnado que desenvolverá o módulo de prácticas.

4. As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos establecidos no programa da correspondente especialidade.

5. A duración das prácticas non pode exceder en ningún caso a duración da parte práctica que se fixa no programa formativo, e non poderán rematar con posterioridade á finalización da acción formativa.

6. Antes do comezo das prácticas, a entidade autorizada porá en coñecemento da Inspección de Traballo unha relación do alumnado que as vai realizar, así como o nome ou nomes das empresas en que terán lugar, as localidades, datas e horarios de realización.

7. As empresas en que se realicen as prácticas comunicaranlle á representación legal dos traballadores na empresa a relación do alumnado que vai realizar as prácticas, así como as datas e horarios de realización.

8. As prácticas que realice o alumnado de formación profesional para o emprego non suporán en ningún caso a existencia de relación laboral entre as persoas alumnas e as empresas.

9. Desenvolvemento das prácticas:

a) O alumnado só poderá realizar o modulo de prácticas unha vez superados o resto dos módulos formativos do certificado de profesionalidade.

Sen prexuízo do disposto no artigo 16.6 desta orde, o módulo de formación práctica en centros de traballo deberá iniciarse nun prazo non superior a catro meses naturais desde a finalización do último módulo formativo. Para determinados certificados de profesionalidade que pola súa natureza presenten dificultades para o cumprimento do antedito prazo, poderáselle solicitar á Administración competente unha autorización para a súa ampliación.

b) A persoa titora deste módulo será a designada pola entidade de formación entre as persoas formadoras ou titoras-formadoras que impartisen os módulos formativos do certificado de profesionalidade correspondente.

Para o caso concreto do disposto no artigo 16.5, a entidade de formación deberá designar unha persoa titora que cumpra os requisitos exixidos para poder desenvolver o rol de titor/a-formadora/a para impartir os ditos módulos formativos.

c) A persoa titora do módulo de formación práctica en centros de traballo será responsable de acordar coa persoa titora designada pola empresa o programa formativo deste módulo.

Para establecer o programa formativo consideraranse as capacidades, criterios de avaliación e contidos establecidos para este módulo no certificado de profesionalidade. O dito programa debe incluír criterios para a avaliación, observables e medibles, e recoller, polo menos, a información que se indica no anexo VIII da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, pola que se desenvolve o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e o reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados na súa aplicación.

d) O seguimento e a avaliación do alumnado será realizado conxuntamente pola persoa titora da entidade de formación e a persoa titora designada pola empresa, e reflectirase documentalmente para os efectos da certificación da formación.

e) O alumnado que supere o módulo de prácticas recibirá unha certificación asinada pola persoa titora da entidade, a persoa titora designada pola empresa e a persoa responsable da empresa, segundo o modelo que figura no anexo IX da Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

f) As entidades deberán informar o órgano administrativo competente de calquera incidencia que se produza no desenvolvemento das prácticas.

Artigo 22. Revogación da autorización

1. Procederá a revogación da autorización concedida ao abeiro desta orde nos seguintes supostos:

a) Por inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato ou documentado achegado, da cal se tivese noticia unha vez concedida a autorización.

b) Cando a acción formativa non se estea a executar durante e de acordo co calendario lectivo autorizado.

c) Cando o persoal docente e/ou o alumnado non estean presentes durante a xornada e horario autorizados nin no centro formativo nin nos centros de desenvolvemento da formación práctica.

d) Cando o alumnado incumpra os requisitos establecidos para cursar con aproveitamento a formación nos termos previstos no artigo 20 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, ou estea sendo dedicado a funcións distintas das propias da formación autorizada.

e) Cando o persoal formador e/ou titor non cumpra os requisitos exixidos no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, e nos reais decretos reguladores dos distintos certificados de profesionalidade.

f) Cando se incumpran as obrigas relativas ao proceso de avaliación dos resultados da aprendizaxe.

g) Cando as instalacións ou os equipamentos e dotacións non se correspondan con aqueles que foron acreditados.

h) Cando se incumpra a normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais.

i) Cando se impidan ou entorpezan as tarefas de seguimento e control da acción formativa que correspondan ao persoal técnico das xefaturas territoriais.

j) Calquera outra causa ou circunstancia grave que afecte o normal desenvolvemento da acción formativa.

2. Será competente para acordar a revogación da autorización a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. O procedemento iniciarase por instancia da xefatura territorial en que se detectaron as irregularidades. No prazo de 5 días hábiles a entidade afectada será obxecto de audiencia polo Servizo de Formación e Colocación correspondente, logo da cal esta unidade formulará a súa proposta de resolución motivada.

En caso de que a acción formativa teña lugar na modalidade de teleformación e as irregularidades se detecten unicamente nun centro presencial ou nun grupo formativo dun centro presencial concreto, a revogación poderá ser parcial e afectar unicamente ese centro presencial e/ou grupo.

Durante a tramitación do procedemento a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá suspender preventivamente, nos supostos de incumprimento manifesto e grave debidamente acreditado das condicións e requisitos establecidos na resolución, ou en casos que poidan supor risco para a saúde dos participantes, a autorización concedida. Contra esta resolución poderá interporse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de formación para o emprego nos prazos e termos establecidos no artigo 10 da orde, relativo a recursos.

Disposición adicional primeira. Autorización para ditar resolucións e instrucións

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta norma.

Disposición adicional segunda. Normativa supletoria

En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, e no Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, que a desenvolve.

Así mesmo, serán de aplicación o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, e a Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro, que o desenvolve, así como os reais decretos polos que se establecen e se regulan os certificados de profesionalidade das diferentes familias profesionais.

Disposición adicional terceira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derogatoria

Derrógase a Orde do 30 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro), pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos conducentes á obtención de certificados de profesionalidade.

Non obstante o disposto no anterior parágrafo, a referida orde continuará sendo de aplicación para as accións formativas autorizadas ao seu abeiro.

Disposición final

Esta orde entrará en vigor o día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file