Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 7 de febreiro de 2022 Páx. 9383

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a revisión do esbozo do MVMC Egualonga, Castelo de Gohia, Espigón, Carraceiro e outros, concello de Xermade (expediente 121_80/2019_64RV).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 20.12.2021 figura o seguinte acordo:

Monte Egualonga, Castelo de Gohia, Espigón, Carraceiro, Chao da Lagoa, Quintás e Estreito, da parroquia de Lousada, concello de Xermade (expediente 121_80/2019_64RV).

O 27.10.2021 tivo entrada un recurso de reposición, presentado por Teresa Reigosa e seis máis, contra o acordo do Xurado do 13.9.2021 de revisión de esbozo do monte veciñal. En síntese, manifestan que a dita revisión non se axusta ao procedemento; que hai parcelas afectadas pola revisión que son de titularidade privada e algunhas están inscritas no Rexistro da Propiedade; que de acordo coas alegacións presentadas polos recorrentes suscitáronse cuestións relativas á propiedade suficientes para poñer fin ao procedemento; que o procedemento axeitado para delimitar o monte é o deslindamento con propiedades particulares, regulado no artigo 54 da Lei 7/2012, de montes de Galicia; que a resolución do Xurado non está motivada; que na carpeta ficha da clasificación do monte indica a necesidade de realizar o deslindamento do monte; que a revisión do esbozo é unha forma velada de usurpar terreo de particulares. Solicitan a declaración de nulidade da dita resolución e se promova o procedemento de deslindamento do monte.

Examinado o devandito recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 17 de xaneiro de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo