Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 2 de febreiro de 2022 Páx. 6917

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 12 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341R).

O Real decreto lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de emprego, establece no seu artigo 3.2 que, de conformidade coa Constitución española e os seus estatutos de autonomía, correspondelles ás comunidades autónomas, no seu ámbito territorial, o desenvolvemento da política de emprego, o fomento do emprego e a execución da lexislación laboral e dos programas e medidas que lles fosen transferidos. Así mesmo, o artigo 38 sinala que os servizos e programas de políticas activas de emprego os deseñaran e os desenvolverán as comunidades autónomas no ámbito das súas competencias, tendo en conta os contidos comúns establecidos na normativa estatal de aplicación.

Con base no anteriormente exposto, e no marco establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, de acordo coa Axenda 20 para o Emprego, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

No título IV do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade (DOG nº 32, do 17 de febreiro de 2016), regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.

No Real decreto lei 11/1998, do 4 de setembro, polo que se regulan as bonificacións de cotas á Seguridade Social dos contratos de interinidade que se celebren con persoas desempregadas para substituír as persoas traballadoras durante os períodos de descanso por nacemento, adopción e acollemento (BOE do 5 de setembro), e no artigo 38 da Lei 20/2007 regúlanse as bonificacións tanto da persoa autónoma durante o período de descanso por nacemento como da persoa desempregada que a substitúe durante ese período.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo cal se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas, sen que por iso se produza un menoscabo dos principios de igualdade e obxectividade na asignación das subvencións previstas e con pleno respecto aos principios de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público.

En Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña, e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais do autónomo e, en concreto, axudar tamén á promoción da conciliación da vida laboral e persoal da persoa traballadora autónoma. Esta medida está incluída no reto 2 de Mellora da calidade como a acción 10: «Axudas á conciliación por maternidade ou paternidade».

En Galicia, o 97 % do tecido produtivo está constituído por persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas, e dado o elevado número de entidades singulares de poboación existentes en Galicia, así como a dispersión poboacional, xunto cos efectos dos múltiples peches perimetrais dos concellos decretados pola autoridade sanitaria galega, xustifican a consideración da totalidade das actividades das persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas, que posúen especial peso en todos os sectores vencellados á agricultura, pesca, industria e servizos, como particularmente afectados pola pandemia no eido do territorio de Galicia.

Establécese nesta orde un programa de axudas á conciliación para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento dun fillo ou filla contraten unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para apoialos na súa actividade empresarial e permitirlles conciliar a vida persoal e laboral, e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, sendo tamén posible a contratación de persoas traballadoras destinadas especificamente ao coidado de menores e/ou maiores e dependentes no propio domicilio, contribuíndo tamén así a xerar emprego.

Así mesmo, de acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 1 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponde a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro.

En canto ao procedemento de concesión:

Establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobado polo Consello da Xunta, na súa reunión do día 18 de outubro de 2021; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Polo exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e a consolidación do seu proxecto empresarial, contribuíndo a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

3. Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.

4. As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).

5. Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II).

6. Igualmente, apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).

7. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas axudas para o ano 2022.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e ao disposto nesta orde.

Artigo 3. Accións subvencionables e importe da subvención

1. Bono autónomo concilia I.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematada a súa baixa por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no seu negocio cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

2. Bono autónomo concilia II.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, para o coidado de menores, maiores ou dependentes, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores ou dependentes cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

3. Bono autónomo para o servizo de coidado de menores.

a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, indicando no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de menores realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

4. Bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes.

a) Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que a persoa beneficiaria do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, que indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de persoas maiores ou dependentes polos que obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

4. As axudas do bono autónomo para o servizo do coidado de menores e do bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes serán compatibles entre si.

Artigo 4. Financiamento

1. No exercicio económico de 2022, as subvencións reguladas nesta orde financiaran as axudas con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021 (modalidade 1010), cun crédito de 1.000.000 de euros. Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2022 adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 16 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora. Isto será así para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia en conxunto.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria segundo o establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 5. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que segundo o anexo I teña o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de carecer deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 6 da presente orde.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades e as comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Artigo 6. Requisitos das persoas beneficiarias

Para ter dereito á subvención a persoa ten que cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter o seu domicilio fiscal en Galicia.

2. Bono autónomo concilia I.

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante tivo que estar previamente de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. No prazo dos quince días naturais seguintes á finalización do período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, débese realizar un contrato de calquera modalidade co compromiso dunha duración mínima de seis meses. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego. Non é necesario que cumpra estes requisitos se a contratación se realiza coa mesma persoa que estaba contratada por interinidade por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma.

3. Bono autónomo concilia II.

Para ser beneficiario desta axuda, o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade e/ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio que a persoa dependente ou con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á solicitude. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego.

4. Bono autónomo servizo para o coidado de menores.

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou dun servizo de coidado de menores, sempre e cando estes sexan descendentes directos (primeiro grado) ou acrediten unha convivencia de máis de tres meses e, ademais a persoa solicitante sexa beneficiaria do bono autónomo concilia I ou do bono autónomo concilia II.

5) Bono autónomo servizo para o coidado de maiores ou dependentes.

Para ser beneficiaria desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes e acreditar a súa convivencia previa nos tres últimos meses anteriores á solicitude e a súa relación de consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao e, ademais, a persoa solicitante sexa beneficiaria do bono autónomo concilia I ou do bono autónomo concilia II.

Artigo 7. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Para os casos do bono autónomo concilia I e do bono autónomo concilia II, a persoa ou entidade beneficiaria ten a obriga de manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada polo período mínimo do tempo polo que se lle concedeu a subvención desde a alta do contrato subvencionado, mantendo, como mínimo, a xornada pola que se concedeu a subvención.

No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora que se contrata pola que se concedeu a subvención, a persoa ou a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación, cunha persoa desempregada polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída.

Para cumprir esta obriga a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo III referido á nova contratación e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. A suma do tempo de contrato da persoa traballadora inicial e da substituta debe ser, como mínimo, igual ao tempo polo que se lle concedeu a subvención

2. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como, coa Seguridade Social.

3. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

6. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

Artigo 8. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

1. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante.

Non será aplicable a exclusión sinalada no parágrafo anterior nos seguintes casos:

a) Cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven con el como se non.

b) Cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

c) Tampouco será aplicable esta exclusión pola contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e teñan unha discapacidade recoñecida nos termos da disposición adicional 10ª da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

2. As persoas ou entidades en que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG do 26 de xullo).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que emende a falta ou presente os documentos preceptivos no prazo máximo e improrrogable de dez días, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou a entidade interesada desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, que figura como anexo I a esta orde, a seguinte documentación xeral e específica que se relaciona:

a) Documentación xeral.

– No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Documentación específica bono autónomo concilia I.

– Resolución da Seguridade Social en que indique o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

– Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata pola que se solicita subvención.

– Anexo III, debidamente cuberto e asinado, se é o caso.

c) Documentación específica bono autónomo concilia II.

– Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata pola que se solicita subvención.

– Contrato de traballo.

– Acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Anexo III, debidamente cuberto e asinado.

d) Documentación específica bono autónomo servizo para coidado de menores.

– Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro ou do servizo correspondente.

– Acreditación do parentesco directo ou certificado de convivencia no caso de menores acollidos.

e) Documentación específica bono autónomo servizo para coidado de persoas maiores ou dependentes.

– Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro específico para o coidado de persoas maiores ou dependentes, ou do servizo.

– Acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Certificado de discapacidade non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Anexo III, debidamente cuberto e asinado.

2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou da representante.

c) Vida laboral da persoa traballadora autónoma dos últimos 5 anos.

d) Presentación do contrato que se vai subvencionar no Servizo Público de Emprego.

e) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

j) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Salvo que as persoas traballadoras contratadas se opoñan a esta consulta, o que deberán indicar no cadro sinalado no anexo III e achegar os documentos correspondentes, consultaranse tamén os seguintes datos da persoa traballadora que se contrata:

a) DNI ou NIE.

b) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

c) Vida laboral dos últimos 5 anos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Procedemento de instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustaranse ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo seu obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Emprego que formulará a proposta de resolución, tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha Comisión de Valoración.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nos termos do artigo 18 desta orde.

4. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. A resolución dos expedientes das axudas reguladas na presente orde, unha vez fiscalizadas pola intervención delegada, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa de acordo co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento común das administracións públicas.

Artigo 18. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecidos na resolución ou, se é o caso, ata o 10 de decembro de 2022.

2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberán terse realizado antes do 30 de outubro de 2022.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 30 de outubro de 2022.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo

3. Documentación xustificativa para a subvención:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas baixo o réxime do Marco nacional temporal ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II).

b) Última nómina da persoa traballadora contratada obxecto da subvención, no caso do bono autónomo concilia I e/ou do bono autónomo concilia II.

c) Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento, no caso do bono autónomo coidado menores e/ou do bono autónomo coidado de persoas maiores ou dependentes.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 20. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Emprego e Igualdade, así como por calquera outra subvención á contratación da mesma persoa por calquera Administración pública.

2. Estas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal.

3. O importe das subvencións deberán respectar os límites que se establecen nestas bases reguladoras e no Marco nacional temporal consolidado.

4. Estas axudas son compatibles, en canto non superen o importe máximo subvencionable, con outras axudas.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Así mesmo, procederá o reintegro da axuda no caso de que a contratación realizada teña unha duración inferior a seis meses.

3. No caso de que a contratación realizada tivese unha duración superior a 6 meses, pero inferior á concedida, o reintegro será proporcional ao tempo que reste para cumprir a obriga do seu mantemento.

4. Procederá o reintegro parcial da axuda no caso de que se reduza a xornada inicial pola que se lle concedeu a axuda, pola diferenza entre a concedida e a que lle correspondería coa xornada máis baixa.

5. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 23. Axudas concedidas baixo o réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro); ao Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicio fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Artigo 24. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Artigo 25. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñen atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

2. A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e especificamente comprobará, ao rematar o período de mantemento do emprego, o seu cumprimento por se procedera aplicar algún tipo de reintegro.

3. Para realizar estas funcións poderase utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obrigación determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do dito artigo.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición adicional terceira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no punto 4 do artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file