Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2022 Páx. 6236

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 4 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou dos establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).

BDNS (Identif.): 607363.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores da pesca, as cooperativas, as asociacións profesionais de persoas mariscadoras a pé e as asociacións profesionais de redeiras que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables. Poderán ser beneficiarias as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal. As entidades serán sen ánimo de lucro e deben ter un ámbito territorial que inclúa a Comunidade Autónoma de Galicia e a sede social nela.

Segundo. Finalidade

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras xerais para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou dos establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do incremento do control e da rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca.

Tamén é obxecto desta orde convocar as axudas para o ano 2022 de acordo coas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 4 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou dos establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).

Cuarto. Importe

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2022 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de sete millóns catrocentos mil euros (7.400.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades:

Partida orzamentaria

Código de proxecto

Ano 2022

Ano 2023

Total

15.03.514A.781.0

2016 00257

4.400.000 €

3.000.000 €

7.400.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da súa publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar