BDNS (Identif.): 607496.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Os pagamentos directos indicados no título II e as axudas de desenvolvemento rural recollidas no capítulo III e na sección 3ª do capítulo IV do título III desta orde só se concederán a aquelas persoas solicitantes que cumpran os requisitos de agricultor activo e actividade agraria. O requisito da actividade agraria tamén será exixible ás persoas solicitantes das axudas de agroambiente e clima recollidas na sección 2ª do capítulo IV do título III.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular e convocar na Comunidade Autónoma de Galicia, no ano 2022, os pagamentos directos á agricultura e á gandaría, así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D).
Cuarto. Contía
A concesión destas axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2022, nas seguintes aplicacións orzamentarias:
1. No que respecta aos réximes de pagamentos directos á agricultura e á gandaría recollidos no punto 1 do artigo 2 desta orde, en concreto os réximes de axuda comunitarios establecidos no Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, todas estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) exercerá como intermediario na súa xestión, polo que, en aplicación da disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, en relación coa disposición derradeira segunda desa lei, na cal se establece o carácter permanente da disposición décimo oitava da dita lei, os expedientes correspondentes aos réximes indicados serán xestionados como operacións extraorzamentarias, conforme o sinalado no artigo 46.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia.
Non obstante o anterior, todos os actos e documentos de xestión deses expedientes serán obxecto de fiscalización previa nos termos establecidos no artigo 95.1.a) do citado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.
1. No que respecta aos réximes de axuda recollidos no título III desta orde, a concesión das axudas realizarase con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, conforme os orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 2022, nas seguintes aplicacións orzamentarias:
a) Aplicación 14.03.713B.770.0, C.P. 2016 00207, compromisos da anualidade 2022 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas á creación de superficies forestais (submedida 08.10), por un importe de dous millóns cincocentos sesenta e oito mil trescentos sesenta e un con trinta e seis céntimos (2.568.361,36) de euro, co código de proxecto 2016 00207.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.
b) Aplicación 14.03.713B.770.0, C.P. 2016 00208, compromisos da anualidade 2022 das primas anuais de mantemento xa concedidas e asociadas ás axudas para o establecemento de sistemas agroforestais (submedida 08.20), por un importe de vinte e nove mil catrocentos sesenta e oito (29.468,00) euros, co código de proxecto 2016 00208.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.
c) Aplicación 14.80.712B.772.1:
1º. Solicitudes de axudas a zonas con limitacións naturais con carácter anual, por importe de 20.188.000 euros, que se distribúen da seguinte maneira:
– 12.788.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas de montaña (submedida 13.10), co código de proxecto 2022.00001.
Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.
– 7.400.000 euros para as axudas a zonas con limitacións naturais en áreas distintas de montaña (submedida 13.20), co código de proxecto 2016.00002.
Estas axudas están financiadas ao 75 % polo Feader.
2º. Compromisos para o ano 2022 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agroambiente e clima (submedida 10.10), por importe de 12.744.863,13 euros, cos códigos de proxectos 2016.00003, 2016.00004, 2016.00005 e 2016.00006.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.
3º. Compromisos para o ano 2022 procedentes de campañas anteriores nas axudas relativas á medida de agricultura ecolóxica (submedida 11.20), por importe de 2.190.331,91 euros, cos códigos de proxecto 2016.00007 e 2016.00008.
Estas axudas están cofinanciadas ao 75 % polo Feader.
4º. Axudas da medida de agroambiente e clima (submedida 10.10), por importe de 16.400.000 euros (nova convocatoria), cos códigos de proxectos 2022.00002, 2022.00003, 2022.00004 e 2022.00005.
Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.
5º. Axudas da medida de agricultura ecolóxica (submedidas 11.10 e 11.20), por importe de 3.180.000 euros (nova convocatoria), cos códigos de proxectos 2022.00006 e 2022.00007.
Estas axudas están financiadas ao 100 % polo fondo EURI.
Quinto. Prazo de presentación da solicitude única
O prazo de presentación da solicitude única, para o ano 2022, iniciarase o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril, ambos incluídos.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022
José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural