Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 31 de xaneiro de 2022 Páx. 6448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2022, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública do proxecto de construción de adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, puntos quilométricos (p.q.) 2+580 (Laxoso)-4+150 (cruzamento do Portasouto), de clave PO/16/139.10.1.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro de 2017), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 12 de xaneiro de 2022 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción de adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, puntos quilométricos (p.q.) 2+580 (Laxoso)-4+150 (cruzamento do Portasouto), de clave PO/16/139.10.1.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A actuación obxecto do proxecto consiste na adaptación da estrada PO-234 ao Plan de baixa IMD mellorada, no treito comprendido entre os p.q. 2+580 (Laxoso) e 4+150 (cruzamento do Portasouto), que consistirá en:

• Mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 m de largo coa conseguinte reposición do seu firme.

• Mellora das interseccións cos viais públicos.

• Execución de cunetas de seguridade e mellora da drenaxe transversal e lonxitudinal.

• Reposición da sinalización horizontal e vertical e das barreiras de seguridade flexibles.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 154, do 12 de agosto de 2021, publicouse o Anuncio do 29 de xullo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, p.q. 2+580 (Laxoso)-4+150 (cruzamento do Portasouto), de clave PO/16/139.10.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e as persoas interesadas formularon alegacións no trámite de información pública. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificarase ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tralos informes, alegacións e certificados presentados,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública de adaptación ao Plan de baixa IMD mellorada da PO-234, p.q. 2+580 (Laxoso)-4+150 (cruzamento do Portasouto), de clave PO/16/139.10.1, mantendo o trazado proposto como definitivo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas