Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2022 Páx. 5808

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2022 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que deberá aplicar a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2022, así como a bonificación aplicable para o dito ano.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución do 26 de xaneiro de 2021, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, emitida ao abeiro do punto dous da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia número 20, do 1 de febreiro de 2021, fíxose público o importe do canon unitario que vai percibir a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos para o ano 2021, que se fixa na suma de 69,48 euros por tonelada máis IVE de residuos xestionada.

Segundo. De acordo co establecido no punto Tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, estableceuse para o ano 2021 unha bonificación do canon por importe do 10 % do canon do ano anterior, resultando unha cantidade de 62,50 euros máis IVE como canon bonificado que se vai aplicar a aquelas entidades locais que cumpran os requisitos establecidos na lei.

Terceiro. De acordo cos resultados económicos obtidos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), para o ano 2022, é posible proceder a unha redución do 5 % do canon unitario de tratamento aplicado no ano. Igualmente, é posible manter a aplicación do canon bonificado establecido para o ano 2021, durante o ano 2022 para aquelas entidades locais que xustifiquen o cumprimento os requisitos establecidos na lei, así como aplicalo durante 2022 a aqueloutras entidades locais que non se beneficiaron deste e cumpran os requisitos establecidos.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, configuran a este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección desta incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, buscando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O punto dous desta disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos ao consumo, publicándose a súa contía no Diario Oficial de Galicia.

A citada disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establece como unha das súas finalidades o alcanzar un custo homoxéneo e o máis reducido posible para todas as entidades locais adheridas ao sistema, polo que, quedando garantida a sustentabilidade financeira do sistema, é posible establecer para o ano 2022, e de forma excepcional, unha redución do 5 % do canon unitario de residuos aplicado no ano 2021.

Igualmente, a Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, introduciu no seu artigo 11, unha modificación da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, mediante a cal se introduce un punto Tres bis na disposición adicional vixésimo primeira, na que se regula a posibilidade de establecer unha bonificación na contía do canon unitario de tratamento por tonelada nunha porcentaxe que non excederá do 10 % da cantidade que en concepto de canon estea vixente no ano inmediatamente anterior.

Dándose as circunstancias establecidas nese punto Tres bis da mencionada disposición adicional vixésimo primeira, ao concorrer na Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), circunstancias económicas de cumprimento dos obxectivos orzamentarios e as previsións do plan de viabilidade, é posible manter durante o ano 2022 o canon bonificado do ano 2021.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable durante o ano 2022, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 66,00 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Establecer e facer público o mantemento durante o ano 2022 dunha bonificación do canon unitario, por importe do 10 % do canon unitario establecido para o ano 2021, resultando así un canon bonificado para o ano 2022 de 59,40 por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido. Este canon bonificado será de aplicación a aquelas entidades locais que cumpran no ano 2021 as condicións específicas establecidas nese punto Tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014 e cumpran igualmente no ano 2020 as condicións establecidas nesta.

Para aquelas entidades que non soliciten a aplicación do canon bonificado no ano 2021, ou ben, téndoo solicitado, non cumprisen os requisitos establecidos na lei para o seu mantemento, poderán solicitar a súa aplicación para o ano 2022 ata o 1 de marzo de 2022, que será efectiva sempre que cumpran as condicións específicas establecidas nese punto Tres bis da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013 do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda