Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2022 Páx. 4861

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 pola que se realiza a convocatoria pública para o ano 2022 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, cofinanciado nun 80 % polo FSE con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR305A).

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten como finalidade a creación dun sistema nacional de cualificacións e formación profesional. Un dos fins deste sistema nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que sexa a forma da súa adquisición. O artigo 4.1.b) establece que un dos instrumentos para iso é un procedemento de recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro das cualificacións profesionais.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais, modificado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

O citado real decreto prevé, no seu artigo 10, que se poidan realizar convocatorias específicas para dar resposta tanto á necesidade de determinadas empresas, sectores profesionais e produtivos como a colectivos con especiais dificultades de inserción e/ou integración laboral.

Esta convocatoria, de carácter específico, publícase no desenvolvemento do convenio de colaboración subscrito no ano 2020 e cunha vixencia ata agosto de 2022, entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia, a través da actual Consellería de Emprego e Igualdade, que ten como obxecto acreditar determinadas unidades de competencia, preferentemente para militares de tropa e mariñeiría que, tras longos anos de experiencia laboral e unha bagaxe profesional importante, carecen dunha acreditación oficial que os avale para a súa reincorporación ao mercado laboral e así dar unha resposta á necesidade de cualificación deste colectivo a través da obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade. Tamén se poderá inscribir o persoal civil para acceder ao procedemento no caso de quedaren prazas vacantes non cubertas polo persoal militar.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, establece no seu artigo 7 que as competencias profesionais adquiridas a través da formación a que se refire o punto 2 poderán ser avaliadas e acreditadas, ao igual que as adquiridas a través da experiencia laboral, de conformidade co procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, que poderá dar lugar á obtención, de ser o caso, das correspondentes acreditacións totais ou parciais de certificados de profesionalidade.

O Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, determina no seu artigo 15 que, cando as competencias profesionais fosen adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, o acceso ao procedemento para a obtención do certificado de profesionalidade ou dunha acreditación parcial acumulable se realizará segundo os requisitos e procedementos que se establezan no desenvolvemento normativo do artigo 8 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, e que as administracións públicas competentes en materia laboral garantirán á poboación activa a posibilidade de acceder pola vía da experiencia laboral ou por vías non formais de formación á avaliación e recoñecemento das súas competencias profesionais.

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, entre as cales se atopa a Consellería de Emprego e Igualdade.

Mediante o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, modificado polo Decreto 111/2021, do 22 de xullo, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade e, no seu artigo 44, atribúe á Dirección Xeral de Formación e Colocación, entre outras funcións, a xestión e execución do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral e vías non formais de formación.

Así mesmo, este procedemento enmárcase no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, cofinanciado nun 80 %, no obxectivo temático 10: investir na educación, a formación, incluída a formación profesional, para o desenvolvemento das capacidades e a aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10.03: mellora da igualdade de acceso á aprendizaxe permanente para todos os grupos de idade nunha actividade formal, non formal e informal, mellora dos coñecementos, as aptitudes e as competencias da poboación activa e promoción de itinerarios flexibles de aprendizaxe, incluso a través de medidas de orientación profesional e validación de competencias adquiridas, obxectivo específico 10.3.2: aumentar o número de persoas que reciben unha validación e acreditación de competencias profesionais ou certificación de experiencia laboral ou de nivel educativo e liña de actuación 109, Acreditación da competencia profesional.

Nesta convocatoria dáse debido cumprimento á normativa aplicable de conformidade co disposto no Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no Regulamento núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 polo que se modifican, entre outros, os regulamentos UE núm. 1303/2013 e 1304/2013, e na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020. Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea: Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, e Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020.

Conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) núm. 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013. Por este motivo incorpórase nesta convocatoria o establecemento de métodos de custos simplificados. Os custos directos de persoal reembolsaranse a custo real, segundo o establecido no artigo 67.1.a) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 e para outros custos directos e custos indirectos aplicarase un tipo fixo segundo o establecido no artigo 68.ter do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, engadido polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001. O financiamento dos gastos previstos nesta orde de convocatoria está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 11.05.323A.229, no momento en que se aproben os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2022.

Esta convocatoria terá en conta os principios que rexen o procedemento de avaliación e acreditación: o respecto dos dereitos individuais, a fiabilidade, a validez, a obxectividade, a participación, a calidade e a coordinación.

Así mesmo, terá en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes polo que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española, a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, e o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto realizar a convocatoria para o ano 2022, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e/ou de vías non formais de formación (código do procedemento TR305A), preferentemente para persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), cun total de 460 prazas nas unidades de competencia que se indican no anexo I e cun total de 1.600 unidades de competencia nas seguintes cualificacións profesionais:

– Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2): 240 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC0080_2. Efectuar a vixilancia e protección de bens e persoas en espazos delimitados e do transporte de fondos e obxectos valiosos.

• UC0081_2. Efectuar o acompañamento, defensa e protección de persoas ou grupos concretos.

• UC0082_2. Efectuar a vixilancia e protección de fábricas, depósitos e transporte de explosivos, armas, cartucharía e substancias perigosas.

– Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes (SAN122_2): 170 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC0360_2. Colaborar na organización e no desenvolvemento da loxística sanitaria en escenarios con múltiples vítimas e catástrofes, asegurando o abastecemento e a xestión de recursos e apoiando os labores de coordinación en situacións de crise.

• UC0361_2. Prestar atención sanitaria inicial a múltiples vítimas.

• UC0362_2. Colaborar na preparación e na execución de plans de emerxencias e de dispositivos de risco previsible.

• UC0072_2. Aplicar técnicas de apoio psicolóxico e social en situacións de crise.

– Amarre de porto e monoboias ( MAP404_1) e unha unidade de competencia UC0010_1: 50 prazas, nas seguintes unidades de competencia:

• UC1308_1. Realizar as operacións de amarre e desamarre de buques en porto.

• UC1309_1. Realizar as operacións de amarre, conexión/desconexión de mangueiras e desamarre de buques a monoboias.

• UC0733_1. Actuar en emerxencias marítimas e aplicar as normas de seguridade no traballo.

• UC0010_1. Contribuír ás operacións de cuberta nunha embarcación pesqueira.

2. Tamén se poderá inscribir o persoal civil para acceder ao procedemento no caso de quedaren prazas vacantes non cubertas polo persoal militar.

3. Poderán ampliarse a outras cualificacións profesionais completas ou parciais as unidades de competencias convocadas e, para eses efectos, publicaranse polos mesmos medios que a presente convocatoria coa apertura de prazo para presentar solicitudes ás novas unidades convocadas.

Artigo 2. Competencia

O Instituto Galego das Cualificacións da Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido nos decretos de estrutura orgánica da Xunta de Galicia, será o órgano técnico encargado de levar a cabo a xestión e as accións adecuadas co fin de desenvolver e executar o procedemento obxecto desta convocatoria, con suxeición ao Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, modificado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo, para as unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Artigo 3. Unidades de competencia convocadas

1. As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade son as recollidas no anexo I desta orde. No anexo I recóllese a relación de unidades de competencia das cualificacións profesionais convocadas, incluído o número de prazas en cada unidade de competencia, e con indicación dos títulos de formación profesional e/ou certificados de profesionalidade que recollen estas unidades de competencia.

2. No caso de que nalgunha das unidades de competencia convocadas as persoas candidatas admitidas non cubran o número de prazas convocadas, o Instituto Galego das Cualificacións poderá asignar estas prazas a outras unidades de competencia doutras cualificacións profesionais das convocadas.

Artigo 4. Sedes do procedemento

Os lugares que serán sede do procedemento son os establecidos no anexo II. A fase de asesoramento, así como a fase de avaliación, poderán desenvolverse noutros centros de traballo ou noutras instalacións distintas ás que figuran neste anexo II, o que se lles comunicará ás persoas candidatas coa suficiente antelación.

Artigo 5. Puntos de información

1. A Consellería de Emprego e Igualdade garantirá un servizo aberto e permanente a todas as persoas interesadas en obter unha acreditación oficial da súa competencia profesional, que lles facilite orientación e información xeral sobre o procedemento, sobre a documentación que deberán presentar, requisitos de acceso, lugares e datas de presentación de solicitudes.

2. Nesta convocatoria, a información e orientación necesaria para aquelas persoas que queiran participar no procedemento será facilitada nos seguintes puntos:

a) No Instituto Galego das Cualificacións.

b) Nas xefaturas territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade.

c) Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

d) Nos centros propios de formación profesional para o emprego da Consellería de Emprego e Igualdade.

Artigo 6. Requisitos de participación no procedemento

1. As persoas que desexen participar no procedemento deberán cumprir os requisitos sinalados no artigo 11 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, coas modificacións introducidas polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

a) Posuír a nacionalidade española; atoparse incluídas, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE, ou ser titulares dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter 18 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para o caso de solicitar unidades de competencia de nivel 1, e 20 anos cumpridos para unidades de competencia de niveis 2 e 3.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

c.1) No caso de experiencia laboral xustificaranse polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria para unidades de competencia de nivel 2 e 3. Para as unidades de competencia de nivel 1, requirirase xustificar polo menos 2 anos, cun mínimo de 1.200 horas traballadas en total nos últimos 15 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

c.2) No caso de formación non formal para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, deberanse xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria. Para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 1, deberanse xustificar polo menos 200 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de que se realice a convocatoria.

Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberán acreditarse as horas establecidas neles.

d) Non estar matriculadas nun curso de formación profesional inicial, ordinario ou modular, ou non estar, no momento da inscrición, realizando formación profesional para o emprego, conducente á acreditación das unidades de competencia que solicitan.

e) Non posuír ou estar en condicións de obter un título de formación profesional ou un certificado de profesionalidade que conteña a/as unidade/s de competencia que solicitan, nin os seus equivalentes ou a acreditación parcial da/das unidade/s de competencia que solicitan.

f) Non estar inscritas noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional, levado a cabo por calquera Administración ou organismo público, conducente á acreditación das mesmas unidades de competencia que solicitan.

g) Con respecto ao persoal militar, deberá cumprir o seguinte requisito: ser militar cunha relación de servizos de carácter temporal, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS), en unidades, centros ou organismos do Ministerio de Defensa.

2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados no artigo 8 desta orde, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

Segundo o establecido no artigo 11.2 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, para estudar estes casos, a Dirección Xeral de Formación e Colocación designará os asesores e asesoras necesarios, que emitirán un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á súa inscrición definitiva.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas en inscribirse nas cualificacións profesionais obxecto desta convocatoria deberán presentar a solicitude no modelo que figura no anexo III desta orde.

2. As persoas que xa presentasen documentación en anteriores convocatorias da consellería competente en materia de emprego, nas cualificacións profesionais recollidas nesta convocatoria, non terán que achegar a documentación presentada anteriormente. Non obstante, deberán presentar obrigatoriamente solicitude de inscrición segundo o modelo que figura como anexo III desta orde, e poderán achegar nova documentación que complete e/ou actualice a súa experiencia laboral ou a súa formación non formal.

3. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento. As persoas interesadas só poderán realizar unha única solicitude de inscrición e en unidades de competencia que pertenzan á mesma cualificación profesional, coa excepción da unidade de competencia UC0010_1, que poderá ser solicitada xunto coas unidades de competencia da cualificación profesional de Amarre de porto e monoboias (MAP404_1).

4. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En caso de enviarse por correo no encabezamento da primeira folla da solicitude de inscrición, deberá figurar o selo de correos, para garantir que a data de remisión é anterior á finalización do prazo de presentación. Deberase xuntar copia da documentación que se precise.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a inscrición no procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da tarxeta militar de identidade ou documento xustificativo que acredite a súa condición de persoal militar, de ser o caso.

b) Historial persoal e/ou formativo no modelo de curriculum vitae europeo. Poderá utilizarse o modelo de curriculum vitae europeo que se inclúe como anexo IV desta orde.

c) No caso de persoas estranxeiras, permiso de traballo, só no caso de non disporen da acreditación de residencia en España en vigor.

d) Certificado do rexistro de cidadán ou cidadá comunitario ou tarxeta familiar de cidadán da Unión Europea ou, se é o caso, copia do pasaporte en vigor (no caso de cidadáns comunitarios que non estean recollidos na situación anterior).

e) Certificado acreditativo de discapacidade en vigor, naqueles casos en que o certificado non fose emitido pola Xunta de Galicia.

f) Documentación para as persoas solicitantes que acrediten experiencia laboral:

1º. Para persoas traballadoras asalariadas:

1.1. Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña, ISFAS ou da mutualidade a que estean afiliados, onde consten a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

1.2. Copia do contrato de traballo ou da certificación da empresa ou documento equivalente expedido pola unidade correspondente do Ministerio de Defensa onde adquirisen a experiencia laboral, en que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as ditas actividades. Para a certificación da empresa poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

2º. Para persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

2.1. Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos.

2.2. Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo en que se realizou, para o cal se poderá utilizar o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

3º. Para persoas voluntarias ou bolseiras:

Certificación da organización onde se prestase a asistencia, en que consten especificamente as actividades e funcións realizadas, as datas en que se realizaron e o número total de horas dedicadas a estas. Poderá utilizarse o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo V desta orde. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

g) Solicitantes que acrediten formación non formal:

A xustificación realizarase mediante copia do documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretendan acreditar, en que consten os contidos formativos impartidos, as datas en que se realizaron, as horas de duración da acción formativa, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación.

h) Persoas candidatas maiores de 25 anos.

Estas persoas que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no artigo 6.1.c), e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados neste artigo, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral e/ou aprendizaxe non formal de formación.

i) Outros documentos.

Copia da/das acreditación/s parciais de unidades de competencia ou módulos de formación que dean dereito á acreditación da/das cualificación/s solicitada/s.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase, preferiblemente, por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. Todos os documentos que non estean redactados en lingua galega ou castelá deberán ir acompañados necesariamente da correspondente tradución oficial.

6. A falsidade nos datos achegados ou declarados supoñerá a perda dos dereitos para participar no procedemento, sen prexuízo de calquera outro tipo de responsabilidade que poida resultar exixible. Para iso, a Administración poderá comprobar, en calquera momento, a veracidade de todos os datos e documentos achegados pola persoa candidata ao longo de todo o procedemento.

7. No caso de realizar estudos parciais para a obtención dun título oficial ou dun certificado de profesionalidade pertencentes a plans de estudos extinguidos, debe presentarse o correspondente certificado expedido polo centro oficial ou homologado responsable.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI o NIE da persoa representante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No caso de persoas estranxeiras, consulta de residencia legal en vigor.

b) Discapacidade recoñecida polo órgano competente desta comunidade autónoma.

c) Estar inscrita como demandante de emprego no momento en que se presente a solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prazos de inscrición no procedemento

1. O prazo de inscrición será de vinte (20) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Criterios de prioridade na admisión das persoas ao procedemento

1. No caso de que haxa un número de solicitudes maior que prazas convocadas, estas ordenaranse aplicando, de forma sucesiva, os seguintes criterios:

a) Persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS) e ter acreditada por calquera vía algunha unidade de competencia incluída na cualificación profesional que se pretende obter.

b) Persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores á súa data de baixa nas Forzas Armadas (FAS).

c) Persoal civil que acreditase por calquera vía algunha unidade de competencia incluída na cualificación profesional que se pretende obter.

d) Persoal civil.

2. Á hora de aplicar cada un dos criterios anteriores, no caso de que o número de persoas que cumpra os requisitos establecidos supere o número de prazas, serán admitidas para participar no procedemento as persoas que obteñan maior puntuación, ata o número de prazas establecido na convocatoria, de acordo cos criterios que se establecen no baremo que figura no anexo II desta orde.

Artigo 13. Lista provisional de persoas admitidas

1. No prazo máximo de catro (4) meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, faranse públicas as listas provisorias de admitidos e excluídos en cada unidade de competencia a través da páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/reconecemento-experiencia-profesional. Poderanse consultar tamén nos departamentos territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, con indicación expresa:

a) Das persoas aspirantes admitidas.

b) Das persoas aspirantes excluídas, con expresión dos motivos da exclusión.

2. No prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das listas provisionais, as persoas poden presentar a documentación que consideren necesaria para emendar os defectos, as causas de exclusión ou completar a documentación presentada. Considerarase que as persoas aspirantes que non o fixesen desisten da súa petición.

Non se considerará causa de exclusión emendable a presentación de solicitudes fóra do prazo de inscrición recollido no artigo 12 desta orde.

3. Estas correccións deberán dirixilas ao Instituto Galego das Cualificacións e entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará a través da páxina web: https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/reconecemento-experiencia-profesional

Artigo 14. Listas definitivas

1. Publicaranse tres listas definitivas:

a) Lista definitiva de persoas admitidas ao procedemento.

b) Lista definitiva de persoas non admitidas pero que quedan en lista de espera.

c) Lista definitiva de persoas excluídas.

2. Estas listas publicaranse nos mesmos lugares que as listas provisionais, no prazo máximo de dous (2) meses contado desde a finalización do prazo para presentar correccións ás listas provisionais.

3. As persoas candidatas admitidas estarán en disposición de pasar ás fases de asesoramento e avaliación.

4. Coas listas definitivas de persoas admitidas indicaranse, sempre que sexa posible, a sede, a data e a hora en que cada persoa candidata iniciará a súa fase de asesoramento. As persoas admitidas a este procedemento terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a este.

5. As persoas da lista de espera poderán incorporarse ao procedemento en caso de xerarse vacantes ou poderán ser obxecto de asesoramento, avaliación e acreditación en etapas posteriores, sen necesidade de efectuar unha nova convocatoria.

6. Contra as listas definitivas poderá presentarse recurso de alzada no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a conselleira de Emprego e Igualdade.

Artigo 15. Reasignación das persoas candidatas

Por motivos organizativos, como é o caso dun número elevado de persoas candidatas asignadas, se a distribución territorial dos asesores ou asesoras e das comisións de avaliación o fai aconsellable, o Instituto Galego das Cualificacións poderá reasignar as persoas candidatas noutra sede.

Artigo 16. Taxas

De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma, para ter dereito a participar nas fases de asesoramento e avaliación, a persoa candidata admitida ao procedemento terá que formalizar un pago de taxas para cada unha das fases, antes do seu inicio. A taxa da fase de asesoramento (código 304201) será unha taxa única, independentemente do número de unidades de competencia en que sexa admitida, e para a fase de avaliación deberá aboar unha taxa por cada unidade de competencia en que solicite a súa avaliación (código 304202).

Estarán exentas do pagamento das taxas de asesoramento e avaliación as persoas que, logo de xustificación documental, no momento en que se presente a solicitude, figuren inscritas como desempregadas nas oficinas de emprego, así como aquelas persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Artigo 17. Fases do procedemento

O procedemento, segundo o establecido no artigo 14 do Real decreto 1224/2009, consta de tres fases: fase de asesoramento, fase de avaliación e fase de acreditación da competencia profesional.

Artigo 18. Fase de asesoramento

1. Á fase de asesoramento terán acceso aquelas persoas que fosen admitidas para participar no procedemento.

2. A fase de asesoramento poderá empezar o día seguinte ao da publicación das listas definitivas de admitidos.

3. O asesoramento será obrigatorio, polo que a falta de asistencia inxustificada provocará a perda de condición da persoa candidata admitida no procedemento.

4. Realizaranse, salvo no caso de forza maior, dúas reunións ou sesións de asesoramento, e comunicaránselles as datas para a súa realización ás persoas candidatas admitidas.

5. A primeira sesión de asesoramento será unha reunión grupal onde se informe sobre o Sistema nacional de cualificacións, o procedemento, as fases deste, as obrigas e dereitos da persoa candidata e as funcións do asesor ou asesora, e na cal tamén se ofrecerá información e directrices concretas sobre as evidencias aceptadas para xustificar a competencia profesional.

6. Nesta primeira reunión realizarase a entrega da documentación que debe completar a persoa candidata e daranse indicacións específicas para cubrila.

7. O asesor ou asesora e as persoas candidatas, ao final desta primeira reunión grupal, acordarán e asinarán a convocatoria para a segunda reunión.

8. A segunda reunión consistirá nunha entrevista persoal individual. O fin desta entrevista é axudar á persoa candidata a explicitar as competencias e aprendizaxes que adquiriu. Nesta entrevista persoal a persoa asesora axudará á persoa candidata a responder o cuestionario de autoavaliación, así como a ampliar a documentación acreditativa co fin de mellorar o historial profesional e/ou formativo. Dentro da documentación que se debe cubrir e de acordo co Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, a persoa candidata deberá facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade, referidos ao momento previo ao comezo da súa admisión ao procedemento de acreditación de competencias.

9. O asesor ou asesora, partindo do cuestionario de autoavaliación e do historial profesional e formativo das persoas candidatas, identificará e valorará a información profesional achegada e realizará un consello de asesoramento destinado á persoa candidata, así como un informe de asesoramento destinado á Comisión de Avaliación, que terán carácter orientativo, nos cales indicará de forma motivada se considera que hai ou non evidencias suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia, considerando a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación.

10. A persoa asesora trasladaralle á Comisión de Avaliación o informe, xunto con toda a documentación xustificativa da persoa candidata. Con todo, a decisión última de pasar ou non á fase de avaliación é da persoa candidata.

11. A decisión da persoa candidata de pasar á fase de avaliación ou de abandonar o procedemento deberá facerse constar por escrito.

12. A persoa candidata poderá decidir pasar á fase de avaliación nas unidades de competencia que considere oportunas, cubrindo a correspondente solicitude de avaliación.

13. Cando a persoa candidata decida non pasar á fase de avaliación, a persoa asesora orientará sobre a formación necesaria para completar a/as unidade/s de competencia que se vaian avaliar, en función dos seus intereses e expectativas.

14. A Dirección Xeral de Formación e Colocación nomeará os asesores ou asesoras necesarios para o desenvolvemento desta fase do procedemento, que se seleccionarán entre o persoal técnico habilitado como persoa asesora, segundo o establecido no artigo 25 do Real decreto 1224/2009, modificado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

15. Os asesores ou asesoras seguirán o procedemento establecido na guía do asesor, que se entregará previamente ao inicio da fase de asesoramento.

Artigo 19. Fase de avaliación

1. A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que a persoa candidata solicita a avaliación, terá por obxecto comprobar se demostra a competencia profesional requirida pola cualificación profesional.

2. No proceso de avaliación teranse en conta tanto as evidencias indirectas obtidas na fase de asesoramento como as evidencias directas adicionais que se poderán xerar mediante algún dos métodos de avaliación que se consideren necesarios para comprobar a competencia profesional da persoa candidata.

3. Como norma xeral, a decisión da avaliación non poderá estar baseada exclusivamente no historial profesional e formativo, senón que se deberá complementar con evidencias de competencia recollidas polos distintos métodos de avaliación.

4. Os métodos de avaliación poden ser: observación no posto de traballo, simulacións, probas de competencia profesional e entrevistas profesionais, entre outras.

5. A selección dos métodos e a súa concreción en actividades de avaliación será realizada de forma individualizada para cada persoa candidata, por cada unha das unidades de competencia obxecto de avaliación, e de acordo cos criterios para a avaliación recollidos nas guías de evidencia.

Artigo 20. As comisións de avaliación

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación nomeará polo menos unha Comisión de Avaliación por cada cualificación profesional convocada. Todos os membros da Comisión de Avaliación terán que dispoñer da habilitación como avaliadores, segundo o establecido no artigo 25 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, modificado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

2. Cada comisión está formada por un mínimo de cinco persoas acreditadas para avaliar: unha que desempeñará a presidencia, outra a secretaría e tres, polo menos, que serán vogais. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá adaptar a composición e o funcionamento das comisións de avaliación co fin de garantir a eficacia do procedemento.

3. A Comisión de Avaliación será o órgano decisorio no proceso de avaliación da competencia e xulgará a competencia das persoas candidatas tendo en conta as evidencias obtidas na fase de asesoramento e as obtidas na fase de avaliación. Ademais, é o órgano responsable de levar a cabo a preparación, desenvolvemento, toma de decisións e comunicación dos resultados das actividades de avaliación.

4. Á constitución destas comisións seralles de aplicación, naquilo que proceda, o establecido en materia de órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. A Comisión de Avaliación iniciará o proceso de avaliación analizando toda a documentación xerada na fase de asesoramento, así como o informe do asesor ou asesora, e valorando as evidencias indirectas obtidas en cada unha das unidades de competencia de cada persoa candidata.

6. Co fin de obter evidencias adicionais, cando a Comisión de Avaliación o considere necesario, poderá requirirlle, en calquera momento, á persoa candidata información profesional adicional que considere necesaria, ou solicitar novas evidencias directas adicionais que se poidan xerar mediante algún dos métodos de avaliación que se consideren necesarios para comprobar a competencia profesional da persoa candidata.

7. A Comisión de Avaliación elaborará e acordará coa persoa candidata un plan individualizado de avaliación para cada unha das unidades de competencia, sempre seguindo as directrices establecidas na guía de evidencias, no cal constarán, polo menos, os métodos e as actividades de avaliación, así como os lugares e datas previstos.

8. De cada proba de avaliación de cada unidade de competencia realizada polas persoas candidatas quedará un documento asinado pola persoa candidata e o persoal avaliador que realizou as ditas probas.

9. A Comisión de Avaliación, baseándose nos resultados do proceso de avaliación, emitirá o xuízo sobre a competencia da persoa candidata.

10. Durante o desenvolvemento do proceso de avaliación, o incumprimento grave por parte da persoa candidata das normas de prevención de riscos laborais que se deban aplicar nas actividades de avaliación poderá provocar a súa interrupción e a valoración negativa da competencia correspondente.

11. No desenvolvemento do proceso de avaliación da competencia profesional deberá preservarse a autoestima das persoas.

Artigo 21. Resultado da fase de avaliación

1. O resultado da avaliación da competencia profesional nunha determinada unidade de competencia expresarase en termos de competencia demostrada ou non demostrada.

2. Os resultados da fase de avaliación faranse constar nunha acta, segundo o modelo normalizado, que deberán asinar todos os membros da Comisión de Avaliación, e que lle deberán remitir ao Instituto Galego das Cualificacións, tras a finalización da fase de avaliación.

3. A Comisión de Avaliación deberá elaborar un informe individualizado de cada persoa candidata, indicando os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación, de ser o caso.

4. O presidente ou presidenta da Comisión de Avaliación deberá informar a persoa candidata do resultado da súa avaliación no prazo máximo de dous (2) meses desde que finalizou a avaliación de todas as persoas candidatas. Así mesmo, informaraa da forma e dos prazos para exercer o seu dereito de presentar as reclamacións e recursos administrativos.

5. Das unidades de competencia en que a persoa candidata non obtivese unha avaliación positiva, proporcionaráselle un plan individualizado de formación, en que se indicará a formación complementaria que debería realizar.

6. Así mesmo, tanto en caso de avaliación positiva como negativa, será informada sobre as oportunidades, requisitos e trámites para completar a súa formación e obter a acreditación completa a través de títulos de formación profesional ou certificados de profesionalidade.

7. O expediente de todo o proceso, en que se recollerán todos os rexistros e resultados que se produzan ao longo do procedemento, será remitido pola Comisión de Avaliación ao Instituto Galego das Cualificacións.

8. As persoas candidatas poderán presentar reclamacións contra os resultados da avaliación, por escrito, ante a Comisión de Avaliación, no prazo máximo de 10 días hábiles desde a comunicación dos resultados. Fronte á decisión da Comisión de Avaliación, o interesado poderá presentar recurso de alzada ante a conselleira de Emprego e Igualdade, no prazo dun mes.

9. A Administración, no prazo máximo de catro (4) semanas desde a acreditación da competencia, obterá os indicadores de resultado inmediato das persoas admitidas que acreditasen a súa competencia profesional no procedemento, de conformidade co disposto no artigo 5 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Tamén poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis (6) meses desde a finalización do procedemento polo que se acredita a correspondente competencia profesional, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Acreditación da competencia profesional

1. Ás persoas candidatas que, no proceso de avaliación das unidades de competencia en que se inscribiron, obtivesen a cualificación de demostrada, o titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación expediralles unha acreditación de cada unha das unidades de competencia en que demostraron a súa competencia profesional.

2. Esta acreditación terá carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado, e terá os efectos previstos, no tocante a exencións, correspondencias e validacións, no artigo 19 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

3. Ás persoas candidatas que completen os requisitos para a obtención dun certificado de profesionalidade ou dun título de formación profesional indicaránselles os trámites necesarios para a súa obtención.

Artigo 24. Rexistro das acreditacións

1. As acreditacións que se expidan incorporaranse ao rexistro autonómico de unidades de competencia. O Instituto Galego das Cualificacións será o responsable deste rexistro, segundo o establecido no artigo 18 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo.

2. O Instituto Galego das Cualificacións transferirá os resultados ao rexistro de carácter estatal, nominal e por unidades de competencia acreditadas.

Artigo 25. Seguimento do procedemento

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto Galego das Cualificacións da Dirección Xeral de Formación e Colocación, elaborará un informe sobre o desenvolvemento do procedemento, que presentará ante o Consello Galego de Formación Profesional e que incluirá, de ser o caso, propostas de melloras para os distintos aspectos deste.

Artigo 26. Permisos individuais de formación

Para facilitar o acceso a este procedemento de recoñecemento de competencias profesionais poderanse utilizar os permisos individuais de formación, de acordo co previsto no artigo 29.1 do Real decreto 694/2017 polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

Artigo 27. Financiamento

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001.

O financiamento dos gastos previstos nesta orde de convocatoria está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente, na aplicación orzamentaria 11.05.323A.229, código de proxecto 2016 0330, cofinanciada nun 80 % con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, no momento en que se aproben os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2022.

Artigo 28. Cofinanciamento comunitario do procedemento

1. Este procedemento enmárcase no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, cofinanciado nun 80 %, no obxectivo temático 10: investir na educación, a formación, incluída a formación profesional, para o desenvolvemento das capacidades e a aprendizaxe permanente, prioridade de investimento 10.03: mellora da igualdade de acceso á aprendizaxe permanente para todos os grupos de idade nunha actividade formal, non formal e informal, mellora dos coñecementos, as aptitudes e as competencias da poboación activa e promoción de itinerarios flexibles de aprendizaxe, incluso a través de medidas de orientación profesional e validación de competencias adquiridas, obxectivo específico 10.3.2: aumentar o número de persoas que reciben unha validación e acreditación de competencias profesionais ou certificación de experiencia laboral ou de nivel educativo, e liña de actuación 109: acreditación da competencia profesional.

2. A este procedemento seralle de aplicación o establecido na seguinte normativa comunitaria:

Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 1083/2006 do Consello.

Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e polo que se derroga o Regulamento (CE) núm. 1081/2006, do Consello.

Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT-UE).

Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

3. O cofinanciamento comunitario deste procedemento implica o cumprimento das exixencias de información e publicidade reguladas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2221.

4. O cofinanciamento europeo comporta a necesidade de cumprir as seguintes obrigas:

• Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

• Facilitar á Consellería de Facenda e Administración Pública a información axeitada sobre as actividades realizadas e realizar as actuacións precisas para recoller información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no devandito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos e daranse de alta na correspondente aplicación informática Participa 1420.

• Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativos ás actuacións realizadas, a condición de subvencionados polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e a Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o establecido no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 e polo Regulamento (UE) 2020/2211. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e coa referencia ao Fondo Social Europeo, segundo corresponda, e nos lugares de realización da actuación e durante ela informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a actuación e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

6. Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68.bis e 68.ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013». Polo tanto, esta convocatoria leva asociado un método de custos simplificados, conforme o cal os custos directos de persoal reembolsaranse a custo real, segundo o establecido no artigo 67.1.a) do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, e para os outros custos directos e indirectos aplicarase un tipo fixo, segundo o establecido no artigo 68.ter do Regulamento (UE) nº 1303/2013 engadido polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

Disposición adicional única. Publicación

Esta convocatoria deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, e un extracto dela no Boletín Oficial del Estado, en cumprimento do establecido no artigo 13.4 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

Disposición derradeira primeira. Norma supletoria

En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, polo que se establecen o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, modificado polo Real decreto 143/2021, do 9 de marzo.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde, así como o nomeamento do persoal de apoio necesario para o desenvolvemento do procedemento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

ANEXO I

Relación de unidades de competencia convocadas, títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade dos cales forman parte e prazas convocadas

Cualificación profesional

Código

Unidades de competencia

Prazas

Certificado de profesionalidade

Título de FP

Vixilancia e seguridade privada (SEA029_2)

UC0081_2

Acompañar as persoas para a defensa da súa integridade física

240

SEAD0112

Vixilancia seguridade privada e protección de persoas

(RD 548/2014,
do 27 de xuño)

SEAD0212

Vixilancia seguridade privada e protección de explosivos

(RD 548/2014,
do 27 de xuño)

UC0080_2

Vixiar e protexer bens e persoas evitando a comisión de delitos e infraccións

240

UC0082_2

Protexer o almacenamento, manipulación e transporte de obxectos valiosos ou perigosos e explosivos

240

Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes (SAN122_2)

UC0360_2

Colaborar na organización e no desenvolvemento da loxística sanitaria en escenarios con múltiples vítimas e catástrofes, asegurando o abastecemento e a xestión de recursos e apoiando os labores de coordinación en situacións de crise

170

SANT0108

Atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes

(RD 710/2011,
do 20 de maio)

Técnico en emerxencias sanitarias.

(RD 1397/2007
do 29 de outubro)

UC0361_2

Prestar atención sanitaria inicial a múltiples vítimas

170

UC0362_2

Colaborar na preparación e na execución de plans de emerxencias e de dispositivos de risco previsible

170

UC0072_2

Aplicar técnicas de apoio psicolóxico e social en situacións de crise

170

Amarre de portos e monoboias (MAP404_1) E UC0010_1

UC1308_1

Realizar as operacións de amarre e desamarre de buques en porto

50

MAPN0310

Amarre de porto.

e monoboias

(RD 1533/2011, do 31 de outubro, modificado polo RD 622/2013, do 2 de agosto, modificado polo RD 688/2013, do 13 de decembro)

UC1309_1

Realizar as operacións de amarre, conexión/desconexión de mangueiras e desamarre de buques a monoboias

50

UC0733_1

Actuar en emerxencias marítimas e aplicar as normas de seguridade no traballo

50

UC0010_1

Contribuír ás operacións de cuberta nunha embarcación pesqueira

50

ANEXO II

Relación de sedes e criterios de baremación

Cualificacións profesionais:

Provincia

Centro

Enderezo

Teléfono

A Coruña

CIFP de Santiago

San Paio do Monte, s/n
15898 Santiago de Compostela

981 56 31 33

CIFP Ferrol

Avda. do Mar, 35-37. 15406 Ferrol

881 93 02 65

Terzo Norte de Infantaría de Mariña de Ferrol

Av. de Mac Mahon, 29. 15403 Ferrol. A Coruña

981 54 68 40

Pontevedra

Base Xeneral Morillo de Pontevedra

Estrada Croas-Figueirido, s/n. 36100 Pontevedra

981 54 68 40

Criterios de baremación de solicitudes cando existan máis candidatos que número máximo de persoas candidatas por avaliar:

Por experiencia laboral

Ano

Mes

Por cada ano/mes traballado en actividades directamente relacionadas coa/s unidade/s de competencia

12 puntos/ano

1 punto/mes

Por formación

Horas

Por formación directamente relacionada coa/s unidade/s de competencia

10 horas = 0,1 puntos

En caso de empate entre persoas, establecerase como criterio de prioridade, en primeiro lugar, a idade do candidato ou candidata, primando a persoa de maior idade. En segundo lugar, o sexo, aplicando a discriminación positiva para as mulleres.

De persistir o empate, en calquera dos casos, realizarase un sorteo público.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file