Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 21 de xaneiro de 2022 Páx. 3549

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 175/2021, do 23 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de glorieta e de acondicionamento de travesía na AC-550, nos puntos quilométricos 71+100-72+400, no concello de Noia (clave AC/20/077.06).

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 17 de agosto de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 157) o Anuncio do 26 de xullo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de glorieta e de acondicionamento de travesía na AC-550, p.q. 71+100-72+400 (Noia), de clave AC/20/077.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Logo da análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 9 de decembro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción de glorieta e de acondicionamento de travesía na AC-550, p.q. 71+100-72+400 (Noia), de clave AC/20/077.06.

O obxecto do presente proxecto consiste na mellora da seguridade viaria na contorna do p.q. 71+100 da estrada AC-550, mediante a construción dunha glorieta na intersección existente actualmente nese punto (intersección en cruz sen canalizar) e o acondicionamento do treito comprendido entre o p.q. 71+100 e 72+400 da mesma estrada. Para isto levarase a cabo a renovación da capa de rodadura da calzada e a redistribución da largura da sección transversal, e dotarase dun itinerario peonil accesible nunha das marxes do treito considerado. Realizarase tamén o acondicionamento dos ramais de acceso á nova glorieta.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspónde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de glorieta e de acondicionamento de travesía na AC-550, p.q. 71+100-72+400 (Noia), de clave AC/20/077.06.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade