Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2380

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2021 polo que se dá publicidade da Resolución do 15 de decembro de 2021, da directora xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra).

O 15 de decembro de 2021 a directora xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra), que se transcribe a continuación:

«O acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral de competencia por razón da materia con data do 13 de xuño de 2013, publicado na forma legalmente establecida, e na actualidade encóntrase pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Lalín solicitou a cesión da titularidade do predio 203 do Fondo de terras da zona, para captación de auga potable do dito concello.

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dado o destino para o que se solicita o referido predio, e respecto do que se entende que é perfectamente subsumible no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra), e adxudicar ao Concello de Lalín a titularidade do predio número 203, que causa baixa no Fondo de terras da zona, para ser destinado ao fin que se recolle na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de terras da zona, o Patrimonio da Comunidade Autónoma, a entidade xestora do Banco de Terras de Galicia ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Lalín».

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 21 de decembro de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra