Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 5 de xaneiro de 2022 Páx. 449

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 10 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de novembro de 2021 polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade co aproveitamento forestal sobre os terreos de varias comunidades de montes veciñais en man común, da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, no termo municipal de Moraña (Pontevedra), promovida por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2018/01).

De conformidade co disposto no artigo 48.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto do acordo indicado no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Norvento, S.L.U., con NIF B27210285 e domicilio na rúa Ramón María Aller Ulloa, 23, 27003 Lugo.

Segundo. Características do proxecto

A infraestrutura eléctrica contemplada no proxecto terá por obxecto a evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Acibal (12 MW), promovido por Norvento, S.L.U., e consistirá nunha liña eléctrica de 66 kV, en simple circuíto e con condutor LA-180 simplex, cunha lonxitude de 4.399 m, con orixe na subestación do PE Acibal e final no apoio nº 43 da LAT 66 kV SET Pico Tourián-SET Tibo, transcorrendo na súa totalidade polo termo municipal de Moraña (Pontevedra).

Terceiro. Consideracións

O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (en diante, DXPERN), en cumprimento do disposto no artigo 45.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, trasladou ao órgano ambiental (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático) a solicitude de inicio de avaliación ambiental simplificada. O 22.2.2018 o órgano ambiental informou á DXPERN que o proxecto debería ser obxecto de avaliación ambiental simplificada e que se tiña iniciado o período de consultas previsto no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, o que se lle trasladou ao promotor coa mesma data.

O 3.10.2018 o órgano ambiental ditou resolución pola que se formulou o informe de impacto ambiental da referida infraestrutura eléctrica, que fixo pública mediante Anuncio do 3 de outubro de 2020, no DOG núm. 221, do 20 de novembro de 2018.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, situada no termo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, asinado o 17.01.2018 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e no que figura un orzamento total de 573.632,77 €.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

4. Declarar a compatibilidade da citada infraestrutura eléctrica co aproveitamento forestal sobre os terreos das comunidades de montes veciñais en man común de Batán e Castro, Rebón de Arriba, Rebón, Calvo e Calvo e Redondio no concello de Moraña.

Quinto. Condicións

1. En cumprimento do disposto no informe de impacto ambiental da referida infraestrutura eléctrica e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 10.045 € a contía do aval (dos cales 4.305 € corresponden á fase de obras e 5.740 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións), que deberá constituír o promotor para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao medio ambiente e do seu custo de restauración.

O promotor deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, asinado o 17.1.2018 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e no que figura un orzamento total de 573.632,77 €.

3. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

5. Con carácter previo ao inicio das obras e á posta en marcha da referida infraestrutura eléctrica, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran no seu informe de impacto ambiental.

6. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no informe de impacto ambiental (IIA):

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 3.3 do IIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no medio ambiente: puntos do 4.1 ao 4.7 do IIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1.1 do IIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado deste: punto 4.8 do IIA.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

8. O promotor disporá dun prazo de 3 anos, contado a partir do presente acordo, para solicitar a autorización de explotación da referida infraestrutura eléctrica, de conformidade co establecido no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A solicitude de autorización de explotación deberá acompañarse dun certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a infraestrutura eléctrica se realizou conforme as especificacións contidas neste acordo e no proxecto de execución autorizado, así como nas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e deberá presentarse ante a xefatura territorial, que será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

10. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

12. Recóllese como anexo a este acordo a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio e que figura no documento de utilidade pública presentado polo promotor o 17.6.2021.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais