BDNS (Identif.): 602748.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas de indemnización as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sofra violencia de xénero.
2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) non convivir co agresor; b) estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; c) ter dereito á percepción dunha indemnización por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.
Segundo. Obxecto
Estas axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 21 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI434B).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cincuenta e cinco mil euros (55.000,00 €).
A contía destas axudas de indemnización será a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento logo da declaración de insolvencia do obrigado a esta, ata o máximo de 6.000 euros, por cada persoa beneficiaria, excluídos xuros de mora.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021
Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade