Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Venres, 31 de decembro de 2021 Páx. 65796

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2021 que aproba a segunda ampliación dos créditos establecidos para o Programa II na Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

No DOG núm.160, do 20 de agosto de 2021, publicouse a Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

A dita Orde do 4 de agosto de 2021, e de conformidade co estipulado no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles. O incremento do crédito está condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

No DOG núm. 248, do 28 de decembro de 2021, logo da súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia e da realización de todos os trámites preceptivos necesarios, publicábase unha ampliación dos créditos consignados nos programas II e III da dita Orde do 4 de agosto de 2021, por un importe total de 2.015.821,64€, para as anualidades 2021 e 2022.

Posto que a ampliación sinalada non era suficiente para atender todas as solicitudes do Programa II, e dada a existencia doutras dotacións procedentes de remanentes doutras convocatorias de fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal do mesmo programa e servizo (programa de gasto 324C da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social), coa finalidade de facer chegar as axudas ao maior número posible de centros especiais de emprego, parece conveniente realizar unha segunda ampliación dos créditos consignados para as axudas do Programa II no artigo 50.1 da dita Orde do 4 de agosto de 2021.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario

Amplíase o crédito consignado para o Programa II no artigo 50.1 da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022, na contía de 292.066,36 € para a anualidade 2021, no código de proxecto 2018 0009 e aplicación orzamentaria 11.40.324C.470.3.

Esta ampliación (292.066,36 €), xunto coa anteriormente publicada (2.015.821,64 €), e o crédito inicial consignado na Orde do 4 de agosto de 2021 (20.000.000 €) suman un orzamento final de 22.307.888 €.

Artigo 2. Prazo de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na dita Orde do 4 de agosto de 2021 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade