Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2021 Páx. 64411

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO de delegación do exercicio das competencias de recadación en vía executiva da taxa polo abastecemento de auga do concello de Carballeda de Valdeorras (núcleos de Sobradelo e A Medua).

O Pleno da Corporación Provincial, en sesión ordinaria do 29 de outubro de 2021, aceptou por unanimidade a delegación na Deputación Provincial do exercicio das competencias de recadación en vía executiva da taxa polo abastecemento de auga do Concello de Carballeda de Valdeorras (núcleos de Sobradelo e A Medua). De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, publícase o citado acordo, nos seguintes termos:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para realizar a recadación en vía executiva e ditar todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada o Concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto do tributo a que se refire.

c) A taxa que deberá satisfacer o Concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario, conforme o establecido no artigo 6, alínea b), da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizo de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá das cantidades da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

d) A presente delegación estará vixente a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da provincia durante o prazo de catro anos, e prorrogarase tacitamente por períodos de catro anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

Ourense, 9 de novembro de 2021

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense