Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2021 Páx. 64110

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco e se convocan para o exercicio 2022 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

BDNS (Ident.): 601683.

De conformidade co previsto no artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

Para que xeren dereito á axuda, as autorizacións deberán axustarse ás seguintes regras:

a) As autorizacións terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) As ditas autorizacións deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular o solicitante.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas ás persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi de tipo eco.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2022.

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 1 de outubro de 2021 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2022).

4. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 15 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco e se convocan para o exercicio 2022 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Cuarto. Importe

A concesión das axudas farase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe de 500.000 euros.

A contía total máxima asígnase inicialmente segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi): 300.000 euros.

– Liña para taxi de cero emisións: 60.000 euros.

– Liña para taxi eco: 140.000 euros.

A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi eco de 4.000 euros.

As axudas previstas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2022.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este modelo irá acompañado ademais da documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade