Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 24 de decembro de 2021 Páx. 63743

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 15 de decembro de 2021 de delegación de competencias en diversos órganos de dirección.

O artigo 4 do Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, dispón que á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio lle corresponden, entre outras, as competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas pola persoa titular da consellería. Así mesmo, os artigos 19 e 20 do citado decreto establecen, respectivamente, as competencias das direccións xerais de Planificación e Orzamentos e de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

A actividade administrativa da Consellería de Facenda e Administración Pública leva consigo unha concentración de funcións no seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias nos órganos de dirección citados, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren o artigo 43.3 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

ACORDO:

Artigo 1. Delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio

Deléganse na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á persoa titular da consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.

b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e o recoñecemento das obrigas relativas a eles, solicitando do órgano competente a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que, como órgano de contratación, están atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación coas encargas a medios propios, lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente.

e) A resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial, así como dos procedementos de revisión de oficio de actos administrativos nulos, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables, excepto nos casos en que estean expresamente delegados noutros órganos.

f) A resolución dos recursos administrativos que correspondan á persoa titular da consellería e a facultade de suspender os actos impugnados, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e sempre que o órgano delegado non ditase o acto obxecto de recurso.

g) As facultades que lle corresponden á persoa titular da consellería en materia de persoal da súa consellería, nos termos establecidos no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor nesa materia, con excepción das resolucións polas que se provean os postos de traballo clasificados como de libre designación.

h) A designación das comisións de servizos, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) As funcións que se derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

j) As competencias que as normas reguladoras do patrimonio da comunidade autónoma lle atribúen á Consellería de Facenda e Administración Pública, incluída a subscrición, modificación ou prórroga de convenios ou acordos de contido patrimonial.

k) O exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería en materia de expropiación forzosa.

Enténdese comprendido na delegación na Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das facultades que se delegan nesta orde.

Artigo 2. Delegación de competencias na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos

Deléganse na Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos as competencias de autorización e resolución das modificacións orzamentarias que a normativa vixente atribúe á persoa titular da consellería.

Artigo 3. Delegación de competencias na Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos

Delégase indistintamente na Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, na Subdirección Xeral do Tesouro e nos servizos desa subdirección, a función da ordenación xeral de pagamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Resolucións ditadas por delegación

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 5. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avogar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 6.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Disposición derrogatoria. Revogación

Quedan sen efecto as delegacións de competencias contidas na Orde do 9 de xaneiro de 2012, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda, e na Orde do 5 de xuño de 2013 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Disposición derradeira. Eficacia da delegación

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública