Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63062

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 2 de decembro de 2021, conxunta do Instituto Galego de Promoción Económica e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se dá publicidade do acordo que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG401A).

BDNS (Identif.): 600763.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), incluídos os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial. En calquera caso, deberán ter radicado algún centro de traballo en Galicia e cumprir a definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Para solicitar as axudas para a prestación dos seguintes servizos, tendo en conta as súas características, as pemes deben cumprir as seguintes condicións:

a) Para todos os servizos definidos no artigo 1, as solicitantes deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3 no último exercicio pechado.

b) Para o servizo de construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, as pemes deben ter realizado previamente unha análise da empresa que achegue a información necesaria para o arranque do servizo, ou comprometerse a realizala durante a primeira fase deste. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas no desenvolvemento da estratexia (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

c) Para o desenvolvemento de plans de acción e plan transversal, as pemes deben ter desenvolvido previamente un plan estratéxico que dese orixe aos plans de acción que se vaian desenvolver. Así mesmo, deben contar cun equipo mínimo de 4 persoas na execución de plans (que poderán ser empregados, socios ou outros colaboradores).

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto conceder axudas ás pemes destinatarias dos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas, dentro do programa Re-acciona.

As axudas configúranse como axudas en especie da disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita axuda confórmase como a diferenza entre o custo aboado polo Igape ou, se é o caso, a Amtega, pola prestación do servizo e o importe exixido ás pemes beneficiarias en concepto de cofinanciamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución conxunta do 2 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade ao acordo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas aos servizos de desenvolvemento estratéxico, profesionalización, innovación e adopción de solucións de dixitalización para a súa realización en empresas galegas (programa Re-acciona), cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

Convocatoria 2022.1: comeza o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e remata o 28.1.2022.

Convocatoria 2022.2: comeza o 31.1.2022 e remata o 4.3.2022.

Convocatoria 2022.3: comeza o 7.3.2022 e remata o 8.4.2022.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica