Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63242

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da addenda da modificación número 1 do proxecto de execución do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente 116 EOL).

Examinada a solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U., o expediente sobre as autorizacións administrativas previa e de construción da addenda do modificado número 1 do proxecto de execución do parque eólico Picato, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante Resolución do 29 de xaneiro de 2007 pola que se publica a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro) admitiuse a trámite o parque eólico Picato (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 42 MW e promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A., na actualidade Naturgy Renovables, S.L.U. (en diante, a promotora).

Segundo. O 21.12.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante Anuncio do 26 de decembro de 2018 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019).

Terceiro. Mediante a Resolución do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgouse autorización administrativa previa e de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Picato, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) (DOG núm. 60, do 26 de marzo).

Cuarto. Con data do 22.12.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. expón que, derivado do cambio do punto de acceso e conexión á rede, a evacuación do parque eólico Picato proxéctase sobre unha liña de alta tensión existente de 132 kV. Co obxecto de definir as modificacións necesarias do proxecto, a promotora achega o documento Addenda do modificado número 1 do proxecto de execución del parque eólico Picato (15.12.2020).

O modificado consiste en modificar o nivel de alta tensión da subestación que pasa de 220 kV a 132 kV, que afecta tanto a posición de liña como o propio transformador de potencia e a súa aparellaxe asociada. Así mesmo, tamén se modifica a potencia do transformador de servizos auxiliares que se reduce dos 100 kVA do proxecto orixinal aos 50 kVA do equipo recollido na addenda.

Quinto. O 25.6.2021, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 17.6.2021, a promotora achegou unha nova versión da addenda mencionada no punto anterior, que completa diversas cuestións recollidas no mencionado requirimento.

Sexto. O 22.9.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático indicou que a modificación pretendida pola promotora, recollida no antecedente cuarto, non produce novas afeccións ambientais.

Sétimo. O 4.10.2021, a Xefatura Territorial de Lugo, logo de examinar a documentación achegada pola promotora o 25.6.2021, emite informe no cal se recollen diversas cuestións que deben de ser corrixidas ou, se é o caso, aclaradas.

Oitavo. O 12.11.2021, Naturgy Renovables, S.L., co obxecto de dar resposta ás consideracións efectuadas pola Xefatura Territorial de Lugo, presentou o documento Addenda do modificado número 1 do proxecto de execución do parque eólico Picato. Versión do 5.11.2021, visado o 11.11.2021 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid (COIIM).

Noveno. Con data do 29.11.2021 a xefatura territorial emitiu informe sobre a addenda recollida no antecedente anterior no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 42 MW, segundo informe do xestor de rede do 22.5.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa para a Addenda do modificado número 1 do proxecto de execución do parque eólico Picato. Versión do 5.11.2021, sito nos concellos de Guntín e Lugo (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para a Addenda do modificado número 1 do proxecto de execución del parque eólico Picato. Versión do 5.11.2021, subscrita por Consolación Alonso Alonso (colexiada número 9.746 do COIIM) e Jorge Núñez Ares (colexiado número 1.102 do ICOIIG), e visado polo COIIM o 11.11.2021.

As características principais recollidas na addenda son as seguintes:

– Denominación da addenda: Addenda do modificado número 1 do proxecto de execución do parque eólico Picato. Versión do 5.11.2021.

– Persoal técnico que subscribe a addenda: Consolación Alonso Alonso (colexiada número 9.746 do COIIM) e Jorge Núñez Ares (colexiado número 1.102 do ICOIIG).

– Identificación da addenda: addenda asinada dixitalmente por Jorge Núñez Ares o 10.11.2021 e por Consolación Alonso Alonso o 11.11.2021 e visada, con número 201801028, polo COIIM o 11.11.2021.

– Concellos afectados: concellos de Guntín e Lugo (Lugo).

– Descrición das modificacións introducidas pola addenda: modifícase o nivel de alta tensión da subestación que pasa de 220 kV a 132 kV, que afecta tanto a posición de liña como o propio transformador de potencia e a súa aparellaxe asociada.

– Así mesmo, tamén se modifica a potencia do transformador de servizos auxiliares, que se reduce dos 100 kVA que figuran na resolución de autorización aos 50 kVA que se sinalan na addenda.

– Características técnicas das instalacións eléctricas que modifica a addenda:

1. Unha posición de liña de 132 kV cos equipamentos necesarios de protección e medida.

2. Un transformador de 45 MVA con refrixeración ONAN/ONAF, relación de transformación 132/20 kV e regulación en carga 132 ± 10 x 1,5 % kV.

3. Un transformador de servizos auxiliares 20/0,42 kV de 50 kVA.

As coordenadas que definen a envolvente da subestación do parque eólico son as seguintes:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

Vértice

X-UTM

Y-UTM

P-01

608.503,28

4.756.215,96

P-02

608.571,42

4.756.263,93

P-03

608.594,10

4.756.231,71

P-04

608.574,36

4.756.217,81

P-05

608.578,73

4.756.211,60

P-06

608.530,40

4.756.177,44

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran na addenda que por esta resolución se autoriza.

2. Previamente ao inicio das obras, a promotora comunicará a data de comezo dos traballos á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

3. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. De conformidade co artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 1 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na addenda que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia e, así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 21.12.2018, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación
Enerxética e Recursos Naturais