Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 62254

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, polo que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de novembro de 2021, polo que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos mineiros e forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campelo, sito nos concellos de Coristanco e de Santa Comba (A Coruña) e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (expediente IN661A 2011/16).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de novembro de 2021, polo que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos aproveitamentos mineiros e forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campelo.

a) Contido do acordo e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campelo, sito nos concellos de Coristanco e de Santa Comba (A Coruña) e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U, cunha potencia de 40,5 MW.

Así mesmo, declárase a súa compatibilidade coa solicitude de permiso de investigación da sección C Cortegana, núm. 7143, e coa concesión de explotación da sección C Carmen e demasías, núm. 1807, así como co monte Braña Rubia, nos termos establecidos no informe do Servizo de Montes da Coruña do 17.9.2021.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 243.699 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a Xefatura Territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

6. En caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 29.12.2020, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea o acordo:

1. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Campelo (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 42 MW e promovido por Kaekias Eólica, S.A.

2. O 17.6.2011, Kaekias Eólica, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

3. Mediante Resolución do 28 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en adiante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública do parque eólico (DOG núm. 161, do 24 de agosto).

4. Pola Resolución do 5 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), autorizouse a transmisión de titularidade do parque eólico a favor de Greenalia Wind Power Campelo, S.L.U. (en adiante, a promotora).

5. O 10.4.2018, a promotora presentou nova documentación técnica e ambiental, así como a correspondente relación de bens e dereitos afectados (RBDA), introducindo modificacións no proxecto, motivadas por condicionados ambientais e pola evolución tecnolóxica do sector eólico. Estas modificacións consisten, con carácter xeral, na implantación dun novo modelo de aeroxerador, o que supón a eliminación de tres posicións debido á maior potencia unitaria das máquinas, e no desprazamento de dúas posicións. O 30.5.2018, a promotora actualizou a documentación achegada o 10.4.2018.

6. O 10.4.2018, a promotora solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 26.4.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

7. Mediante Resolución do 8 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), someteuse a información pública a modificación da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, referida ao proxecto do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 18.6.2018 e no xornal La Voz de Galicia o 19.6.2018 (edición de Carballo) e o 20.6.2018 (edición de Santiago). Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco e Santa Comba) e da Xefatura Territorial.

8. O 1.6.2018, o órgano competente en ordenación do territorio e urbanismo informou que os 11 aeroxeradores proxectados cumprían a distancia mínima de 500 m ás delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, regulada no Plan sectorial eólico de Galicia.

9. O 19.6.2018, o Servizo de Montes da Coruña emitiu informe en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico.

10. O 27.6.2018, a Xefatura Territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico.

11. O 3.8.2018, en vista das modificacións de proxecto propostas polo promotor na documentación achegada o 10.4.2018 e o 30.5.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe sobre a continuación da tramitación ambiental.

12. O 17.8.2018, a promotora achegou a documentación técnica e ambiental actualizada, co fin de dar cumprimento ás consideracións efectuadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático no seu informe do 3.8.2018.

13. Por Acordo do 13 de setembro de 2018, da Xefatura Territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a modificación da declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico (DOG núm. 181, do 21 de setembro).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia do 21.9.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco e Santa Comba), da Xefatura Territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante a tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) maioritariamente, en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, co tipo de aproveitamento e cos enderezos para os efectos de notificacións.

– Na RBDA non figuran os prezos polos metros que se pretenden expropiar. Tanto as vías como as gabias do parque eólico deben ser tratadas como afeccións de pleno dominio. Deberíanse incluír as distancias de acordo coa Lei 3/2007, de prevención dos incendios forestais, e a Lei 7/2012, de montes de Galicia.

– A declaración de utilidade pública debe sustentarse nunha memoria relativa á declaración de interese especial do parque eólico, que non consta na documentación consultada.

– Solicítase que se denegue a declaración de utilidade pública, a autorización administrativa previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

– O valor social e económico dos montes onde se pretende instalar o parque eólico é incuestionable. A actividade agraria tanto convencional como ecolóxica sería imposible e o sector forestal quedaría danado.

– Con respecto ao anexo 4. Cimentación e Xeotécnica do proxecto reformado non é en realidade un estudo xeotécnico que en cumprimento da normativa de cálculo de estruturas debería conter o proxecto, en base ao cal se deben calcular as cimentacións. As catas e traballos de campo para a elaboración do estudo xeotécnico estanse a realizar no momento da información pública, de maneira que a inexistencia do estudo xeotécnico invalida a cimentación proxectada, do que se deduce nulo valor técnico do proxecto no relativo ao cálculo da cimentación.

– O proxecto do parque eólico non ten a posibilidade de evacuación da enerxía producida xa que non existe conexión coa rede actual.

– Solicítase que sexa revogada a Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do 26 de abril de 2018, do Consello da Xunta de Galicia, polo que se declaran de interese especial varios proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas (DOG núm. 94, do 18 de maio) e de cantos actos administrativos deriven da tramitación dos proxectos eólicos Bustelo, Campelo, Monte Toural e a LAT 220 kV Campelo-Mesón.

– Na tramitación incumpríronse as directrices da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, así como da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común.

– O proxecto do parque eólico afectará valores naturais, recursos de interese arqueolóxico e patrimonio-histórico catalogado, e terá un impacto social negativo. As obras necesarias para a construción do parque eólico ocasionarán impactos sobre o ecosistema do monte, e terán, ademais, un carácter irreversible.

– Debe ponderarse a proposta da instalación do parque con outros intereses como, por exemplo, a protección do patrimonio cultural, arqueolóxico e natural.

– Non se achegan datos para que a Administración antepoña o dereito de aproveitamento eólico para a produción de enerxía eléctrica por parte dunha empresa privada sobre os dereitos de todos os cidadáns a ter un ambiente axeitado.

– Deberíase reducir a área da poligonal de afección do parque eólico por ser excesiva.

– A instalación do parque eólico non semella compatible coa protección de humidais (a Lagoa de Alcaián e o Marco do Couto), coa presenza de especies endémicas, tanto animais (dentro das cales están a ra de Santo Antón, o lagarto silvestre e o pintafontes que requiren unha protección estrita) como vexetais, incluso algunhas en perigo de extinción e/ou consideradas vulnerables como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae (especie que só se dá nesta zona), ou a Spiranthes aestivalis. Tamén figuran aves como a tartaraña cincenta, o picanzo vermello ou o sisón que requiren medidas de protección especiais no seu hábitat, sendo as medidas propostas insuficientes para a súa conservación.

– En canto á hidroloxía da zona, as masas de auga deberán terse máis en conta polos riscos derivados das afeccións previstas; falta dun estudo exhaustivo das augas superficiais como das subterráneas.

– Na zona de instalación do parque eólico foron detectadas formacións de hábitat código 4020-4030 (queirogais atlánticos).

– A zona de Braña Rubia-Alcaián constitúe unha das áreas do concello de Coristanco de maior interese histórico e arqueolóxico.

– En canto a afección sobre a veciñanza, cómpre destacar os ruídos dos aeroxeradores, as consecuencias do efecto parpadeo de sombras (shadow flicker) e a contaminación radioeléctrica.

– Os parques eólicos Campelo, Monte Toural e Bustelo, malia que se tramitan independentemente, formarían parte dun mesmo parque eólico (mesmo promotor, mesma área xeográfica e comparten infraestruturas). Alén disto, consideran que debería haber un único estudo de impacto ambiental onde se estuden os efectos sinérxicos de todas as instalacións no seu conxunto, ademais de ter en conta o parque eólico Castelo xa en funcionamento.

– Que se presentaron alegacións en tempo e forma en relación á tramitación dos seguintes parques eólicos e da súa liña de evacuación: Bustelo, Monte Toural, Campelo e LAT 220 kV Campelo-Mesón, que aínda que se están a tramitar como catro proxectos distintos trátase dun único proxecto, que se fracciona ao obxecto de salvar cuestións contrarias aos intereses da empresa e danando o interese xeral.

– Solicítase que se cambie a situación do aeroxerador SR-11 por estar nas proximidades do entorno natural denominado Fervenza de Castriz; se indemnice con algún tipo de bonificación económica á veciñanza de Castriz (rebaixa da factura eléctrica ou entrega dunha porcentaxe da produción do parque eólico); que se tramite coma un só parque eólico e que de irremediable a colocación dos aeroxeradores, se tente reducir ao mínimo o impacto ambiental xerado.

– Solicítase a declaración de nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental favorable do proxecto eólico por:

• Omitir a avaliación dos impactos do proxecto eólico Campelo sobre o lobo, ao abeiro do Convenio de Berna e o plan galego de xestión da especie. Esta omisión fundamental invalida o documento ambiental, en tanto en canto, prescinde total e absolutamente do procedemento establecido para o efecto na normativa vixente.

• Substraer da participación pública a avaliación ambiental global, sumativa e sinérxica de todas as infraestruturas que configuran os proxectos eólicos Bustelo, Toural e Campelo, xa que logo de facto trátase dun único proxecto eólico que comparte infraestruturas comúns e na realidade é un parque de maior potencia e dimensión.

• Fragmentar de xeito fraudulento un único proxecto eólico en tres partes e incluso catro, ao ter en conta tamén o proxecto da LAT.

– Solicítase a revisión da declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico.

– A Xunta de Galicia debe aplicar a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e demais lexislación ambiental, en detrimento do regulamento do Plan sectorial eólico de Galicia.

– O Plan sectorial eólico de Galicia hoxe en día está obsoleto, xa que non ten en conta os cambios tecnolóxicos dos aeroxeradores nin os cambios socioeconómicos das áreas afectadas.

– O proxecto non cumpre coa normativa técnica urbanística.

– O Plan sectorial eólico obvia o Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.

– Solicítase a inaplicación do Plan sectorial eólico de Galicia con base na súa ilegalidade e invalidez, ao abeiro da lexislación ambiental actual e con base no principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior, como é o caso. Un plan como o Plan sectorial eólico de Galicia necesita dunha avaliación de impacto ambiental polas consecuencias de fragmentación que del se derivan para o territorio, para os hábitats e para as paisaxes. Hai que ter en conta, ademais, que non se incorpora a normativa actual relativa á avaliación ambiental de proxectos.

14. Durante a tramitación do procedemento, emitiron os correspondentes condicionados técnicos os seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello de Coristanco, Unión Fenosa Distribución, S.A., Deputación Provincial da Coruña, Consellería do Medio Rural e Augas de Galicia.

15. O 3.10.2018, a xefatura territorial actualizou o informe sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico emitido o 27.6.2018.

16. O 14.11.2018, o Servizo de Montes da Coruña actualizou o informe emitido o 19.6.2018 en relación cos aproveitamentos forestais afectados, e indicou que o proxecto do parque eólico afecta os montes Campelo e Braña Rubia.

17. O 25.4.2019, a Axencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou a instalación do parque eólico, e estableceu o correspondente condicionado.

18. O 15.5.2019, a promotora presentou documentación ante a Xefatura Territorial, na cal se recollen as modificacións introducidas como resultado do informe emitido polo Instituto de Estudos do Territorio sobre o estudo de impacto ambiental, consistentes de forma xeral na eliminación dos aeroxeradores SR03 e SR04, así como no cambio de modelo de aeroxerador.

19. O 18.7.2019, o órgano ambiental informou que tendo en conta o alcance das novas modificacións pretendidas pola promotora e que o Instituto de Estudos do Territorio xa emitiu un informe final favorable ao respecto, non se considera necesario nesta fase procedimental e no que atinxe exclusivamente a efectos ambientais que a unidade tramitadora solicite informes adicionais doutros organismos respecto desas modificacións.

20. O 12.8.2019, o órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo informou que a proposta modificada do parque eólico incorpora modificacións para responder ás obxeccións sinaladas no informe do Instituto de Estudos do Territorio e que non alteran o contido do informe do 1.6.2018.

21. O 20.9.2019, unha vez emitidos os informes indicados nos dous puntos anteriores, a promotora achegou os proxectos de execución e sectorial actualizados.

22. O 21.2.2020, a promotora achegou a relación de bens e dereitos afectados actualizada e incorporou as modificacións do proxecto, así como a relación de parcelas para as que acadara un acordo amigable coas persoas titulares.

A Xefatura Territorial notificoulles ás persoas interesadas as modificacións das afeccións sobre as parcelas incluídas na dita RBDA. Para aqueles casos en que non foi posible practicar as notificacións, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia o 3.7.2020, e no Boletín Oficial del Estado o 9.7.2020.

23. O 14.7.2020, a promotora achegou escrito en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo proxecto, segundo os informes emitidos polo Servizo de Montes da Coruña o 19.6.2018 e o 14.11.2018. Entre outras cuestións, manifesta que dispón de autorización do 12.6.2019, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, para a ocupación temporal de 39.207 m2 do Monte Campelo, pertencente á Comunidade Autónoma de Galicia, para a construción do parque eólico.

24. O 29.7.2020, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

25. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Concello de Coristanco e Concello de Santa Comba.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 29.12.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 30 de decembro de 2020, desa dirección xeral (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro de 2021).

26. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as Directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

27. O 26.4.2021, a Xefatura Territorial, unha vez efectuado o trámite de audiencia ás sociedades titulares dos dereitos mineiros, e remitidas as alegacións recibidas á promotora para a súa contestación, emitiu informe en relación coa compatibilidade do parque eólico cos ditos dereitos, de acordo co previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

28. O 27.5.2021, a promotora actualizou a relación de bens e dereitos afectados polo parque eólico, como consecuencia dos novos acordos acadados, e reduciu a relación de parcelas de necesaria ocupación.

29. O 21.6.2021, esta dirección xeral efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e concedeulle ao Concello de Coristanco, como titular do Monte Braña Rubia, un prazo de quince días para presentar as alegacións que considerasen oportunas. Transcorrido o dito prazo, non se recibiron alegacións.

30. Mediante oficio do 28.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal remitiu o informe emitido polo Servizo de Montes da Coruña o 17.9.2021, de acordo co previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

31. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión vixentes á rede de transporte para a potencia obxecto desta autorización (40,5 MW), de acordo cos informes do xestor da dita rede do 3.4.2018 e do 4.7.2018.

32. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais