Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 17 de decembro de 2021 Páx. 61874

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Resolución do 13 de xaneiro de 2021 pola que se convocan as axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI435A).

Feitos:

Primeiro. A Resolución da presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) do 13 de xaneiro de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 21, do 2 de febreiro, convocou a subvención para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI435A).

Segundo. O ordinal décimo oitavo, número 2, da Resolución do 12 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 establece que para os efectos de adoptar as correspondentes resolucións de concesión das axudas se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e que para tal fin, se considerará data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Terceiro. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito para a anualidade 2021 tiña a data de entrada en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o día 20.8.2021 ás 17:32:21.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O ordinal décimo oitavo, núm. 2, da Resolución do 12 de decembro de 2018 establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Segunda. Os artigos 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen que cando o procedemento administrativo establecido non leve consigo o esgotamento do crédito nun único acto de concesión senón que a súa disposición se realice en actos sucesivos, o órgano xestor deberá publicar, no DOG e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento, con data do 20.8.2021 ás 17:32:21 horas, do crédito autorizado para a anualidade 2021 destinado a sufragar as subvencións para a adquisición de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo