Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 15 de decembro de 2021 Páx. 61319

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 2 de decembro de 2021 dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión destes e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento BS508D).

Con data do 14 de outubro de 2021, publícase no Diario Oficial de Galicia número 198 a Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento BS508D).

De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Así mesmo, o artigo 18 da orde de convocatoria establece que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento, e que esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 2 de decembro de 2021, ditada no procedemento BS508D, dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 6 de outubro de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 e se convocan para o ano 2021.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 2 de decembro de 2021, que finaliza este procedemento, esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, a través desta publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

ANEXO

Resolución dos Premios Galicia de Acción Voluntaria,
ditada no procedemento BS508D, ao abeiro da Orde do 6 de outubro
de 2021 pola que se regula o procedemento de concesión destes
e se convocan para o ano 2021

A Orde da Consellería de Política Social, do 6 de outubro de 2021, pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia Acción Voluntaria 2021 e se convocan para o ano 2021 (DOG núm. 198, do 14 de outubro), establece as bases reguladoras polas que se rexe a concesión dos indicados Premios Galicia de Acción Voluntaria.

O artigo 2 da orde sinala que os Premios Galicia de Acción Voluntaria constan de 3 modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade, de conformidade co artigo 3 da orde de convocatoria.

Consonte o establecido nos artigos 7 e 8 da orde de convocatoria presentáronse un total de 19 solicitudes de participación, distribuídas do seguinte xeito:

• Na modalidade individual para persoas físicas: 5 solicitudes.

• Na modalidade colectiva para entidades de acción voluntaria: 5 solicitudes.

• Na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria do ano: 9 solicitudes.

Porén, unha das solicitudes para a modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria é inadmitida ao non cumprir co artigo 5.3 da orde de convocatoria, por non figurar a entidade inscrita no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado, que será quen desempeñe a súa presidencia.

O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, remitiu ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14.

O día 30 de novembro de 2021, o xurado emitiu o informe proposta de candidaturas premiadas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.

Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e da valoración do xurado, o día 1 de decembro de 2021 o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a 2ª convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2021 nos termos propostos polo xurado.

Consonte a proposta de resolución, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación da conselleira de Política Social, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición derradeira primeira da orde de convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder os premios da segunda convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado, consonte aos criterios recollidos no artigo 14 da orde de convocatoria:

• Premio voluntario do ano, na modalidade individual para as persoas físicas, cunha puntuación de 75 puntos e dotado de 4.000 euros, para José Ramón Miguens Dieste, con NIF **4867***, dada a súa traxectoria e calidade en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.

• Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva, cunha puntuación de 70 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, Balrial, con CIF G70260906, pola súa posta en valor da acción voluntaria nunha área de especial interese para a nosa Comunidade Autónoma no contexto de crise sanitaria en que nos atopamos.

• Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano, cunha puntuación de 65 puntos e dotado de 4.000 euros, á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, FAXPG, con CIF G15068091, polo seu proxecto Servizo de voluntariado para a eliminación do illamento social e comunicativo das persoas xordo cegas e persoas xordas en situación de exclusión social.

Segundo. As persoas físicas e xurídicas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 17 da Orde do 6 de outubro de 2021.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 18 da Orde do 6 de outubro de 2021 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021. A conselleira de Política Social. P.D. (Artigo 15.2 da Orde do 6.10.2021; DOG núm. 198, do 14 de outubro). Cristina Pichel Toimil. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.