No Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo tramítase o recurso 306/2021 F (procedemento abreviado), interposto por Ramiro Núñez Díaz fronte á Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 2 de agosto de 2021, pola que se desestima o recurso de reposición formulado fronte á Resolución do 20 de novembro de 2020, pola que se convoca o procedemento de acceso aos graos I a IV de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020 (DOG núm. 241, do 30 de novembro).
O recorrente solicita, por unha parte, a anulación do punto sétimo da citada Resolución do 20 de novembro de 2020 por entender que é contrario ao ordenamento xurídico, e por outra, que a Administración dite nova resolución establecendo idénticos criterios para todo o persoal fixo do Servizo Galego de Saúde.
O que se notifica para xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer no xulgado como demandadas no prazo de nove días, de conformidade co previsto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021
Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos