Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 7 de decembro de 2021 Páx. 59455

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de novembro de 2021 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación que tivesen perdas de produción como consecuencia do brote da COVID-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), convocadas pola Orde do 11 de xuño de 2021.

A Orde do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tiveran perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, independentemente do seu tamaño, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento PE201G) (DOG núm. 121, do 28 de xuño), establece no seu artigo 3.1 o importe da contía máxima das axudas que ao seu abeiro poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Tendo en conta o indicado no artigo 3.1 da Orde do 11 de xuño de 2021, o importe fixado na convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 11 de xuño de 2021 (DOG núm. 121, do 28 de xuño) para o exercicio orzamentario 2021, na cantidade de 2.194.443,97 €, con cargo á aplicación 15.02.723A.771.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar