Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 3 de decembro de 2021 Páx. 59083

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 24 de novembro de 2021 pola que se dispón a publicación do acuerdo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio da Mancomunidade de Municipios Río Ouro.

O artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sinala que, nos supostos de disolución dunha mancomunidade, a iniciativa corresponderá ao Pleno desta, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen. Este acordo someterase á información pública polo prazo dun mes e, simultaneamente, ao informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local.

O artigo 142 da devandita Lei 5/1997 establece que a organización e o funcionamento das mancomunidades rexeranse polo disposto no seus propios estatutos. O artigo 19 dos estatutos da mancomunidade, publicados por Resolución do 24 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade de Municipios Río Ouro (DOG núm. 206, do 25 de outubro), establece que a mancomunidade poderá disolverse por imposibilidade legal ou material de cumprir as súas finalidades.

En síntese, para a adopción do acordo de disolución desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– O expediente para a disolución da mancomunidade aprobouse inicialmente polo Pleno da mancomunidade na súa sesión extraordinaria do 12 de agosto de 2021.

– O citado acordo someteuse á información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio publicado no BOP de Lugo con data do 18 de agosto de 2021, sen que se tivesen presentado alegacións en contra de tal acordo.

– A Deputación Provincial de Lugo e a Dirección Xeral de Administración Local emitiron os informes preceptivos e favorables á disolución.

– O acordo de disolución da mancomunidade foi ratificado polos plenos dos concellos de Alfoz, con data do 24 de setembro de 2021, e do Valadouro, con data do 14 de outubro de 2021, co quórum de maioría absoluta exixido polo artigo 143 da Lei 5/1977, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

– O presidente da Mancomunidade de Municipios Río Ouro remitiu certificación dos acordos adoptados polos plenos dos concellos da mancomunidade de ratificación da disolución e co acordo do Pleno da propia mancomunidade da liquidación e distribución do seu patrimonio, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

O procedemento de disolución tramitado cumpriu o establecido nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar o acordo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio da Mancomunidade de Municipios Río Ouro, de conformidade co establecido no artigo 143 en relación co artigo 144 da Lei de Administración local de Galicia, que se recolle como anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

O Pleno da Mancomunidade de Municipios Río Ouro, en sesión extraordinaria celebrada o día vinte e sete de outubro de dous mil vinte e un, adoptou, entre outros, o acordo que literalmente di:

«(...)

En vista do exposto, esta presidencia propón ao Pleno da Mancomunidade de Municipios Río Ouro a adopción do seguinte acordo:

Primeiro. Adoptar o acordo definitivo de disolución da Mancomunidade de Municipios Río Ouro, sen precisar pronunciamento sobre a resolución de alegacións por non se teren producido.

Segundo. Adoptar acordo de aprobación da liquidación e distribución do patrimonio da Mancomunidade de Municipios Río Ouro (67,28 euros) a partes iguais entre ambos os concellos, Alfoz e O Valadouro:

Patrimonio revertido ao Concello de Alfoz: 33,64 euros (trinta e tres euros con sesenta e catro céntimos).

Patrimonio revertido ao Concello do Valadouro: 33,64 euros (trinta e tres euros con sesenta e catro céntimos).

A efectividade do citado acordo efectuarase mediante transferencia bancaria desde a conta da que é titular a Mancomunidade de Municipios Río Ouro (ES 33 3070 0026 1611 3825 6621) ás contas operativas facilitadas por ambos os concellos, e procederase a continuación á cancelación da citada conta bancaria.

Terceiro. Vista a previsión normativa do artigo 144 da Lalga, que di que, en caso de disolución da mancomunidade, esta manterá a súa personalidade xurídica mentres non sexa adoptado polo Pleno o acordo de liquidación e distribución do seu patrimonio, que se publicará no DOG xunto co acordo de disolución, e ante a necesidade de realizar trámites posteriores tales como comunicacións co órgano de fiscalización externa, a tramitación de baixa no Rexistro de Entidades Locais, a cancelación da conta na entidade bancaria e cantos resulten precisos por requirimento de calquera Administración pública, facultar o alcalde do Concello de Alfoz e a súa secretaria-interventora para cubrir e asinar cantos documentos e trámites sexan precisos para o efecto.

Cuarto. Remitir certificado do presente acordo e do expediente á Dirección Xeral de Administración Local para os efectos indicados nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Unha vez sometido o asunto á votación, o Pleno da mancomunidade, en votación ordinaria e co resultado de cinco votos a favor, maioría absoluta e unanimidade, acorda:

Prestar aprobación á proposta da Presidencia en toda a súa integridade».