Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2021 Páx. 57854

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan, nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), promovido pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2021/1-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Nedgia Galicia, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 7.7.2021, a empresa Nedgia Galicia, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan, nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra), xuntando o proxecto de execución e as separatas técnicas para os organismos afectados.

Nedgia Galicia, S.A. dispón de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Salvaterra de Miño (DOG nº 65, do 4.4.2008), pero non para o termo municipal das Neves. En consecuencia, o 29.7.2021, esta dirección xeral ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal das Neves. Esta resolución publicouse no DOG do 25.8.2021 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia, polo que procede continuar co procedemento de outorgamento da autorización administrativa solicitada por Nedgia Galicia, S.A.

Obxecto da petición: autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución das instalacións para a distribución e subministración de gas natural ao polígono industrial Plisan, nos termos municipais das Neves e Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

Proxéctase facer unha canalización de 675 m, que conectará a rede de distribución de gas natural no termo municipal de Salvaterra de Miño, pertencente a Nedgia Galicia, S.A., coa rede de canalizacións de gas da Plisan:

– Terá a súa orixe no límite intermunicipal, entre Salvaterra de Miño e As Neves, onde conectará coa canalización de distribución de gas natural, pertencente a Nedgia Galicia, S.A., e que discorre pola estrada PO-400 dentro do termo municipal de Salvaterra de Miño ata o dito límite intermunicipal.

– Desde este límite, continuará pola estrada PO-400, dentro do termo municipal das Neves, ata chegar á primeira glorieta, onde rematará e conectará coa rede de canalizacións de gas da Plisan.

Esta canalización, que discorrerá integramente polo termo municipal das Neves, construirase para unha presión de deseño de MOP 4 bar e utilizarase tubaxe de polietileno PE DN 200, instalándose dúas válvulas de liña no inicio e final.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal das Neves, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: cento vinte e cinco mil noventa euros con sesenta e nove céntimos (125.090,69 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir do día seguinte ao da última das publicacións que se farán desta resolución (no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia e en dous dos xornais de maior difusión no correspondente ámbito territorial), e poderán examinar o referido proxecto na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (avda. Mª Victoria Moreno, 43-5º, 36071 Pontevedra) ou no portal web desta consellería a través do seguinte enderezo da internet: https://ceei.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-gas

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2021

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais