Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Venres, 26 de novembro de 2021 Páx. 57833

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento VI420A).

BDNS (Identif.): 596360.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS sometidos a réxime de protección que, no momento de presentar a correspondente solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e aqueles en que o dito réxime se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non incurran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) (código de procedemento VI420A).

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas subvencións para o exercicio económico de 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se convocan para o ano 2022 (código do procedemento VI420A).

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2022 08 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 de euros, repartidos en 150.000 euros na anualidade 2022 e 850.000 euros na anualidade 2023.

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable e ata un máximo de 6.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será desde o día 3 de xaneiro de 2022 ata o día 4 de abril de 2022.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo