Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Mércores, 24 de novembro de 2021 Páx. 57434

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2021 pola que se notifican as resolucións das solicitudes de axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, reguladas na Orde do 12 de febreiro de 2020.

A Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 33, do 18 de febreiro) prevé, no seu artigo 28, que a notificación das resolucións poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga.

De acordo co anterior, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade na web do Fogga ás listaxes das resolucións das solicitudes das liñas de axudas reguladas no artigo 2.1, parágrafos a), b), c), d) e e), da Orde do 12 de febreiro de 2020 citada.

Na web publicaranse as listaxes de concesión e de denegación das diversas liñas de axudas, con indicación da convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade, de ser o caso, concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación.

As persoas interesadas poden acceder á dita web na seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/beneficiario_de_axudas_pac/campana-2020

Estas axudas son financiadas integramente polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Segundo. Poñer á disposición das persoas interesadas as resolucións completas das solicitudes indicadas no punto primeiro mediante a aplicación para teléfonos móbiles Sga@pp, dispoñible en Google Play ou en App Store, e no Portal de axudas PAC a través da seguinte ligazón:

https://fogga.xunta.gal/gl/pac/consultas_pac/portal_de_axudas_pac

Neste portal, cada persoa interesada poderá acceder ao contido da súa resolución individualizada mediante certificado dixital ou DNI-e (DNI electrónico) ou emprego da Chave365. A información sobre a forma de alta da Chave365 atópase na ligazón que se indica a continuación:

https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365

Así mesmo, poñeranse á disposición das persoas interesadas as resolucións de compensacións feitas nos pagamentos do exercicio orzamentario 2021, por débedas procedentes de reintegros, tarxetas amarelas ou sancións multianuais, de acordo co disposto no artigo 28 do Regulamento de execución (UE) 908/2014 da Comisión, do 6 de agosto de 2014.

Exclúense da listaxe indicada no punto primeiro desta notificación as resolucións das liñas de axuda que teñan pendentes cuestións técnicas que dilucidar.

Terceiro. Contra as citadas resolucións, que non poñen fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Fogga no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación, consonte o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O prazo de interposición concluirá o mesmo día desta publicación no mes de vencemento, de conformidade no artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria