Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Martes, 23 de novembro de 2021 Páx. 57264

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de novembro de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Ribeira denominada solo urbanizable industrial.

O Concello de Ribeira solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida do Plan xeral de ordenación municipal, en virtude do previsto no artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello de Ribeira dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 17.12.2002, ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

• A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 11.1.2018, para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

• A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 19.2.2018, e resolveu someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

• A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico o día 20.2.2018.

• O arquitecto municipal emitiu informe o 13.11.2018.

• O secretario municipal emitiu informes o 11.12.2018 e o 12.12.2018.

• O técnico de administración xeral adscrito ao departamento de urbanismo emitiu informe xurídico o 12.12.2018.

• O Pleno do Concello de Ribeira aprobou inicialmente a modificación o 14.12.2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 6.2.2019 e La Voz de Galicia do 13.2.2019), e presentáronse dúas alegacións, segundo certificación municipal.

• Consta a emisión dos seguintes informes non autonómicos:

– Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 7.6.2019.

– Subdelegación do Goberno na Coruña do 8.7.2019.

– Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Ministerio de Economía e Empresa) do 26.7.2019, de carácter favorable condicionado.

– Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (Ministerio para a Transición Ecolóxica) do 2.9.2019.

– Ministerio de Defensa do 17.4.2020, favorable.

– Informes da Deputación da Coruña en materia de estradas do 8.7.2020 e do 7.8.2020, este último de carácter favorable.

• Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

– Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas do 16.4.2019.

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior) do 24.6.2019.

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático sobre solos contaminados do 2.8.2019.

– Axencia Galega de Infraestruturas do 30.8.2019, desfavorable, e do 13.3.2020, favorable condicionado.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 13.9.2019, de carácter desfavorable, e do 18.2.2020, favorable condicionado.

– Instituto de Estudos do Territorio do 16.9.2019.

• Non se recibiron os informes solicitados á Dirección de Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Consellería de Economía, Emprego e Industria e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no prazo correspondente, polo que se entenden emitidos en senso favorable.

• Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Pobra de Caramiñal e Porto do Son, sen recibirse resposta.

• Foron consultadas as administracións públicas afectadas e persoas interesadas identificadas no documento de alcance. Consta informe do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas (Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) sobre sustentabilidade ambiental e do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Non consta resposta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia nin da Sociedade Galega de Historia Natural.

• A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración ambiental estratéxica o 6.10.2020 (DOG núm. 213, do 22 de outubro).

• O interventor municipal emitiu informe o 23.12.2020.

• A enxeñeira municipal emitiu informe técnico previo á aprobación provisional o 23.12.2020.

• O técnico de administración xeral adscrito ao departamento de urbanismo emitiu informe xurídico o 23.12.2020.

• O secretario xeral municipal emitiu informe-proposta de acordo o 24.12.2020.

• O Pleno do Concello de Ribeira aprobou provisionalmente a modificación o 28.12.2020.

• O arquitecto municipal, o interventor e o secretario municipal emitiron, en data do 1.2.2021, informes sobre emendas presentadas polo equipo redactor ao documento aprobado provisionalmente.

• O Pleno do Concello de Ribeira aprobou provisionalmente a modificación emendada o 2.2.2021.

• A solicitude de aprobación definitiva realizouse mediante oficio do 5.2.2021. Requirida documentación o 1.3.2021, foi recibida esta no rexistro da Xunta de Galicia o día 9.4.2021.

• A Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) emitiu informe desfavorable en virtude dos artigos 112.a) e 117.2 da Lei de costas o día 3.3.2021.

• A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en materia de costas, de carácter favorable o 16.6.2021.

• A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo requiriu documentación o 22.6.2021.

• A Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) emitiu informe favorable en virtude dos artigos 112.a) e 117.2 da Lei de costas con data do 30.6.2021.

• O arquitecto municipal emitiu informe o 29.7.2021.

• O interventor municipal emitiu informe o 30.7.2021.

• O técnico de administración xeral adscrito ao departamento de urbanismo emitiu informe xurídico o 30.7.2021.

• O secretario xeral municipal emitiu informe-proposta o 30.7.2021.

• O Pleno do Concello de Ribeira aprobou de novo provisionalmente a modificación o 3.8.2021.

• O Concello de Ribeira presenta a documentación en solicitude de aprobación definitiva mediante oficio do 5.8.2021, que ten entrada o 11.8.2021.

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na data do 29.10.2021 o cambio de uso do solo rústico de protección forestal incluído na modificación puntual do PXOM de Ribeira (A Coruña) denominada solo urbanizable industrial, en aplicación do disposto no artigo 59.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, segundo consta no certificado emitido na mesma data polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e secretario do Consello.

II. Obxecto e descrición da modificación.

A modificación ten por obxecto reestruturar a delimitación do solo urbanizable industrial contida no PXOM, de maneira que se suprimen os sectores SUZ-1 e SUZ-2, dadas as afeccións que concorren neses solos e creáse un novo ámbito en substitución deles. Clasifícase como solo urbanizable industrial con ordenación pormenorizada un ámbito de 258.926 m2 actualmente clasificado como solo rústico de protección forestal e solo rústico de protección de patrimonio; os actuais sectores de solo urbanizable industrial SUZ-1 (696.448 m2) e SUZ-2 (153.412 m2) clasifícanse como solo rústico; o sistema xeral de espazo libre do Couso (131.550 m2) adscrito ao SUZ-1 obterase por expropiación e prevese un novo espazo para equipamento público no ámbito do SUZ-2 (20.911 m2). Os terreos do sector SUZ-1 clasifícanse en parte como solo rústico de protección ordinaria e en parte como solo rústico de protección de costas, de espazos naturais, de augas, forestal, de infraestruturas e paisaxística. Os terreos do sector SUZ-2 clasifícanse en parte como solo rústico de protección ordinaria e en parte como solo rústico de protección forestal e de infraestruturas (categorización derivada da existencia do MVMC (monte de veciños en man común) de Artes e da estrada autonómica AC-550). Neste ámbito, dentro do MVMC prevese un novo equipamento público de 20.911 m2 no actual emprazamento dunha canteira.

Na memoria arguméntase que existe unha alta demanda de solo para uso industrial neste concello, pois o polígono industrial encóntrase totalmente ocupado, polo que se pretende posibilitar o desenvolvemento dun novo polígono industrial que responda a esta demanda. O PXOM prevé dous ámbitos de solo urbanizable, que se encontran actualmente sen desenvolver, o denominado SUZ-1 Parque empresarial de Couso, de 696.448,38 m2 e o denominado SUZ-2 Ampliación do polígono de Xarás, de 153.412 m2. Xustifícase que o solo urbanizable denominado SUZ-1 foi declarado incompatible polo Plan de ordenación do litoral, ten un acceso por viario pouco adecuado (estradas CP-7301, CP-7305 e CP-7306) e que se localiza nun ámbito moi próximo á costa, nun espazo de gran valor, o que supoñería un importante impacto. En canto ao solo urbanizable SUZ-2, aínda que puidese parecer lóxico como ampliación do actual polígono de Xarás, considérase que este polígono representa un impacto visual moi forte desde os ámbitos da costa, polo que non sería conveniente agravar esta situación ao situarse esta ampliación nun terreo rochoso de considerables desniveis e cunha visibilidade elevada desde a zona de Corrubedo. Como consecuencia dos inconvenientes mencionados, proponse a súa substitución por outro ámbito de solo urbanizable industrial que se considera máis axeitado.

En canto ao Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), prevese neste unha ampliación do polígono industrial da Pobra do Caramiñal que inclúe terreos no termo municipal de Ribeira. Esta previsión foi desenvolvida mediante o Proxecto sectorial do Parque empresarial de Barbanza, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12.5.2011, e aínda non executado, que comprende unha superficie de 922.395 m2. A memoria da modificación alega que o ámbito se encontra nun lugar de fortes pendentes e supoñería un impacto paisaxístico elevado, ao ser visible desde a costa. A modificación clasifica como solo urbanizable industrial uns terreos lindeiros aos correspondentes ao devandito proxecto sectorial, pero que considera de menor pendente que estes e con menos visibilidade.

En referencia ás afeccións derivadas do Plan de ordenación do litoral, os terreos do SUZ-1 encóntranse en protección costeira e mellora ambiental e paisaxística así como en espazo de interese, polo que non é posible a súa urbanización. Os terreos do SUZ-2 encóntranse en zona de ordenación.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Ribeira solicitando a aprobación definitiva da modificación puntual, compróbase que se deu cumprimento ás observacións sinaladas no requirimento emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de data 22.6.2021, en relación cos aspectos urbanísticos da proposta.

O Consello da Xunta de Galicia autorizou con data do 29.10.2021 o cambio de uso do solo rústico de protección forestal incluído na modificación puntual do PXOM de Ribeira (A Coruña) denominada solo urbanizable industrial, en aplicación do disposto no artigo 59.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, segundo consta no certificado emitido na mesma data polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e secretario do Consello, tal e como establece expresamente a Declaración Ambiental Estratéxica con data do 6.10.2020.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Ribeira denominada solo urbanizable industrial.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda