Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 19 de novembro de 2021 Páx. 56829

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

O 24 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A).

No artigo 22 da Resolución do 12 de marzo de 2021 establécese que o prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención finalizará o 30 de novembro de 2021, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

O 23 de abril de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 19 de abril de 2021 pola que se modifica a Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021.

No artigo único.un da Resolución do 19 de abril de 2021 modifícase o artigo 8 da Resolución do 12 de marzo de 2021 coa finalidade de ampliar prazo de presentación de solicitudes ata o 7 de maio de 2021.

Con posterioridade ao outorgamento das subvención recibíronse en Augas de Galicia comunicacións de concellos beneficiarios solicitando a ampliación do prazo de xustificación.

Debe terse en conta, así mesmo, a complexidade do proceso de tramitación do obxecto subvencionado e que para a licitación dos contratos de obras os concellos beneficiarios están suxeitos aos prazos establecidos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

O artigo 45.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

As bases reguladoras da convocatoria de axudas non conteñen precepto en contra da ampliación e con ela non se causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada e tendo en conta todo o exposto,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A)

Modifícase o número 1 do artigo 22 da Resolución do 12 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU300A), que queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención finalizará o 10 de decembro de 2021, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia