Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 15 de novembro de 2021 Páx. 55960

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese galego da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. O 30 de xullo de 2021, Pedro José Calaza Martínez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia constituíuna o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, representado polo seu decano Pedro José Calaza Martínez, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 4 de xuño de 2021, ante o notario Víctor José Peón Rama, con número de protocolo 1.340.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxectivo «acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable promovidos pola FAO (organización das Nacións Unidas para a alimentación e a agricultura) a través da promoción da investigación, desenvolvemento, innovación e divulgación (I+D+i+d)».

Para a consecución dos seus fins poderá realizar as seguintes actividades:

a) Desenvolvemento de liñas de investigación, innovación e divulgación enmarcadas nos fins detallados no artigo 6 dos estatutos da fundación para o impulso e mellora económica e social de Galicia.

b) Mellora e difusión do coñecemento relativo aos fin da fundación mediante conferencias, xornadas, cursos, publicacións e participación e organización de actos de interese segundo os fins da Fundación.

c) Participación nas iniciativas de interese común das entidades Xunta de Galicia, USC e COIAG, así como a súa coordinación no caso de ser requirida.

d) Promover convenios específicos con institucións públicas e privadas para o cumprimento dos fins establecidos.

e) Promoción dos profesionais do sector agrícola sempre en relación coas súas capacidades relativas á consecución da finalidade de promoción sustentable das actuacións no eido da produción agropecuaria, os sistemas alimentarios e a conservación dos ecosistemas, a paisaxe e os recursos, mediante bolsas e axudas, premios e eventos e divulgación das actuacións da fundación.

f) Calquera outra actividade de acordo cos fins que correspondan á Fundación.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a identidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado polo decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Pedro José Calaza Martínez, como presidente; a secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Alejandra Álvarez de Mon Rego, como vicepresidenta; o interventor do Colexio, Ricardo Vázquez Pérez; os delegados provinciais da entidade na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, Fernando García Abal, Xesús Pablo González Vázquez, Manuel González Sarria e Alfonso Carlos González-Redondo Ares; Rogelio Plácido Villar Gantes e Nicasio Daniel Mejuto Martí, como vogais, e Eloy Soto Pineda, como secretario sen voto.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural de Galicia da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 5 de outubro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 199, do 15 de outubro) clasificouse de interese para a defensa do medio natural de Galicia a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das fundacións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 235, do 11 de decembro de 2018), corresponde a dita Consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural