Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 12 de novembro de 2021 Páx. 55826

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 2 de setembro de 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para o mantemento do establecemento e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983F).

O 10 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 175 a Resolución do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para o mantemento do establecemento e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983F).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír ao desenvolvemento da actividade normal das axencias de viaxe para o ano 2021, considerando gastos subvencionables aqueles nos cales incorrese a entidade solicitante entre o 1 de xullo ata o 31 de outubro de 2021 con respecto aos gastos que deriven do mantemento do establecemento físico para a prestación do servizo.

O artigo 19.1 da referida resolución establece que a entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 15 de novembro de 2021.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte das persoas beneficiarias, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, e sen que exista ademais a posibilidade de causar prexuízos a terceiras persoas.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros; en consonancia co disposto, con carácter xeral, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan. Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 2 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás axencias de viaxe para o mantemento do establecemento e se anuncia a súa segunda convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU983F) ao 1 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Decreto 196/2012, do 27 de setembro)
Emilio José de la Iglesia Lema
Xerente da Axencia Turismo de Galicia