Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Venres, 12 de novembro de 2021 Páx. 55868

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2021 pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo viario de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01, no concello de Pontevedra.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 7 de outubro de 2021, a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do novo viario de ampliación do Hospital Gran Montecelo, de clave PO/21/078.01, no concello de Pontevedra, polo Decreto 135/2021, publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de outubro de 2021.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, a Consellería de Sanidade resolve convocar os titulares dos bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no el taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor de destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra.

Data: 30 de novembro e 1, 2 e 3 de decembro de 2021, das 9.00 ás 14.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Pontevedra e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avenida María Victoria Moreno, nº 43, 1º, 36003 Pontevedra), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Lugar: Pazo da Cultura de Pontevedra.

Data: 22, 23, 24 e 25 de febreiro de 2022, das 9.00 ás 14.00 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertindo aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admite representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, deberase achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberá identificarse co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos de formalización de actas derivadas dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, a Axencia Galega de Infraestruturas aprobou o protocolo de actuación que deberán respectar todos os asistentes os actos. Para tales efectos, é necesario pór en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

• Os interesados poderán confirmar a data e a hora fixadas para a realización do acto ou, no caso de concorreren motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propor outro horario diferente para este, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

• No momento de atención, tanto o persoal da Administración e da asistencia técnica como o expropiado usarán máscara de protección ou os sistemas de protección individual que nese momento sexan obrigatorios, respectando en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provisto dos sistemas de protección individual (EPI) que cada momento determine a autoridade competente. No obstante, facilitaranse os EPI por parte da Administración no caso de que os expropiados no dispoñan deles.

• En caso de detectarse posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

• Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para realizar o trámite.

• Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

• Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade