Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55519

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 4 de novembro de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 30.1 da Resolución do 8 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

A Resolución do 8 de abril de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 72, do 19 de abril, establece as bases reguladoras da subvención para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

O prazo de xustificación será para a anualidade de 2021, ata o 15 de outubro de 2021 incluído, e para a anualidade de 2022 ata o 15 de marzo de 2022 (artigo 30.1 das bases reguladoras).

En data do 4 de outubro de 2021 (DOG núm. 195, do 8 de outubro) ampliouse o prazo de xustificación para a anualidade 2021 ata o 30 de novembro de 2021, pola recepción de numerosas peticións de prórroga por parte dos beneficiarios das axudas, debido a atrasos na subministración de maquinaria que está determinando que as empresas teñan dificultades para xustificar no prazo establecido, todo isto como consecuencia da situación que estamos a vivir como consecuencia da COVID-19, da crise dos microchips que ten ralentizado e mesmo paralizado o proceso de fabricación de maquinaria, e da crise consecuencia do encallamento no Canal de Suez do cargueiro Ever Given, polo que resulta indispensable a ampliación do prazo de xustificación das axudas para que se poidan finalizar os proxectos e presentar a documentación xustificativa.

Na actualidade, a persistencia da crise dos semicondutores, os aumentos de prezo das materias primas e a rápida transformación tecnolóxica son elementos que están a exercer presión sobre os subministradores de maquinaria, bens e equipamentos, o que ten como consecuencia que os beneficiarios das axudas estean a solicitar a ampliación do prazo de xustificación para o ano 2022.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra parte, con carácter xeral, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), establece que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 30.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, quedando a redacción do artigo da seguinte maneira:

«O prazo de xustificación será para a anualidade de 2021, ata o 30 de novembro de 2021 incluído, e para a anualidade de 2022 ata o 15 de xuño de 2022. Así mesmo, logo de solicitude motivada do beneficiario e sempre que sexa autorizado polo órgano que ditou a resolución de concesión, terase en conta que as cantidades non xustificadas polos beneficiarios na anualidade de 2021 se poderán computar e xustificar na anualidade de 2022, sempre que non fosen susceptibles de perda do dereito ao seu cobramento de acordo co disposto no artigo 21.9».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal (www.xera.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra a presente resolución non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal