Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Mércores, 10 de novembro de 2021 Páx. 55506

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 13 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503D).

O 17 de setembro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 180 a Resolución do 13 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503D).

A dita resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos galegos de ata 10.000 habitantes para actuacións de fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos de cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O artigo 19.1 establece que a entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 15 de novembro de 2021.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte das persoas beneficiarias, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite debido aos atrasos orixinados nos prazos de entrega dos equipamentos por parte das empresas subministradoras, e sen que exista ademais a posibilidade de causar prexuízos a terceiras persoas.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros; en consonancia co disposto, con carácter xeral, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de xustificación dos proxectos presentados ao abeiro da Resolución do 13 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503D) ao 10 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia