Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 3 de novembro de 2021 Páx. 53854

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2021 pola que se somete a información pública o anteproxecto de mellora do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa, ampliación da ETAP do sistema de abastecemento ao Barbanza, Padrón, de clave OH.215.1218.

Augas de Galicia está a tramitar o procedemento de declaración de interese da Comunidade Autónoma de Galicia da actuación de Mellora do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa, ampliación da ETAP do sistema de abastecemento ao Barbanza, Padrón (A Coruña) e aprobación do correspondente anteproxecto, de conformidade co disposto no artigo 28.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e nos artigos 12 e 13 do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas.

Esta actuación poderá ser susceptible de financiamento ao 100 % do gasto elixible pola Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

O sistema de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, do cal forma parte integrante a estación de tratamento de auga potable (ETAP) situada no termo municipal de Padrón, é xestionado pola Administración hidráulica de Galicia desde o ano 2004, a través de varios convenios de colaboración subscritos con distintas entidades locais.

O dito sistema de abastecemento constitúe, por tanto, unha unidade funcional de carácter supramunicipal que dá servizo aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga e Vilagarcía de Arousa.

É este carácter supramunicipal o que xustifica fundamentalmente a necesidade da declaración de interese da Comunidade Autónoma de Galicia desta concreta actuación ao afectar unhas instalacións que, aínda que localizadas no termo municipal de Padrón, prestan servizo a varios concellos situados en dúas provincias, de xeito que calquera modificación ou mellora que se desenvolva redundará no funcionamento e beneficiará a totalidade do sistema.

Na actualidade, o caudal real de funcionamento da estación de tratamento de auga potable é superior ao caudal de deseño da planta polo que, no marco da xestión autonómica do sistema que está a desenvolver Augas de Galicia, estímase necesario proceder á ampliación da capacidade de tratamento das instalacións co fin de solucionar as actuais limitacións, satisfacer as demandas de auga presentes e futuras e garantir o cumprimento dos parámetros de calidade das augas para o consumo humano exixidos pola normativa vixente.

Para satisfacer esta necesidade, redactouse o anteproxecto de referencia, no que se define unha estación de tratamento de auga potable para a produción dun caudal de 630 l/s ou 54.532 m³/día e prevese o desenvolvemento das actuacións previas necesarias para manter durante a execución das obras o funcionamento da decantación, filtración e bombeo en alta, así como a ampliación da liña de auga e de lodos, a instalación de elementos auxiliares, a impermeabilización e reparación dos depósitos de cabeceira e a instalación de equipamentos de medición destinados a optimizar a xestión da totalidade do sistema.

O anteproxecto foi obxecto de supervisión con data do 5 de xullo de 2021, conta con informe urbanístico favorable emitido polo Concello de Padrón o 30 de agosto de 2021 e foi aprobado tecnicamente pola Resolución da Dirección de Augas de Galicia do 30 de setembro de 2021.

Tendo en conta o disposto nos artigos 26.1 e 28.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e o procedemento aplicable para a declaración e aprobación de infraestruturas hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia non declaradas como tales na planificación, establecido nos artigos 13 e 12 do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas,

RESOLVO:

Someter a información pública o anteproxecto de obra de mellora do abastecemento do sistema da marxe dereita da ría de Arousa, ampliación da ETAP do sistema de abastecemento ao Barbanza, Padrón (A Coruña), de clave OH.215.1218, polo prazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da declaración da actuación como de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e da súa aprobación definitiva.

O documento técnico pode consultarse, durante o prazo anteriormente sinalado, na páxina web augasdegalicia@xunta.es

As persoas e/ou entidades que o consideren oportuno poderán formular, no prazo indicado, cantas alegacións e observacións xulguen oportunas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/), empregando, para o efecto, o procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código de procedemento PR004A). De optarse pola presentación en papel, os escritos de alegacións poderán ser presentados nos lugares previstos na normativa xeral de procedemento administrativo, dirixidos á Dirección de Augas de Galicia, con enderezo na rúa Camilo Díaz Baliño, nº 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia