Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Mércores, 3 de novembro de 2021 Páx. 53746

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 22 de outubro de 2021 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación FAXPG e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación FAXPG, adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 15 de xullo de 2021 presentouse ante este protectorado solicitude de ratificación da extinción da Fundación FAXPG, adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación FAXPG foi constituída en escritura pública outorgada o 13 de febreiro de 1988 na Coruña ante o notario José Manuel Lois Puente co número 404 do seu protocolo. Foi clasificada como de interese social por Orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública do 18 de marzo de 1998 (Diario Oficial de Galicia número 69, do 13 de abril de 1998) e declarada de interese galego por Orde do conselleiro de Sanidade e Servizos Sociais do 23 de abril de 1998 (Diario Oficial de Galicia número 97, do 22 de maio de 1998). Está adscrita ao protectorado da Consellería de Política Social por Orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 2 de febreiro de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 34, do 19 de febreiro de 2016), figurando inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 1998/10.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por fin lograr a plena integración social das persoas xordas.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 25 de novembro de 2016 adoptou acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento das fundacións de interese galego.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realizar o fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, corresponde a esta consellería resolver esta solicitude.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, e 15/2009, do 21 de xaneiro, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente, polo que:

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación FAXPG.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación FAXPG no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Política Social no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social
P.D. (Orde do 3.3.2016; DOG número 54, do 18 de marzo)
María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social