Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 2 de novembro de 2021 Páx. 53708

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara á Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Lucía Barreiro Álvarez.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 13 de novembro de 2020 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Lucía Barreiro Álvarez (ABI/2014/0024).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (supl. N. nº 325, do 14 de decembro de 2020), no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 247, do 9 de decembro de 2020), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Pontevedra, Ribadumia e Covelo por prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento o 2 de novembro de 2011 no municipio de Ribadumia e que, aínda que tiña outorgado testamento, deveu ineficaz por premoriencia do herdeiro instituído. Así mesmo, figuran igualmente incorporados certificados do seu sucesivo empadroamento nos concellos de Pontevedra e Ribadumia, quedando xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.

Non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.

Das consultas efectuadas perante o Catastro inmobiliario, no Índice xeral informatizado de predios e dereitos do Rexistro da Propiedade e no Rexistro Xeral de Contratos de Seguros de Cobertura de Falecemento, así como da información obtida de diferentes entidades bancarias e por outras fontes, determinouse, en principio, que polo menos forman parte do cadal hereditario da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión na herdanza daqueles outros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos.

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigos 267 e seguintes.

Código civil, artigos 657 e seguintes.

Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20.bis e 20.ter.1.

Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, artigos 4 e 56.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Decreto 11/2021, do 21 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Lucía Barreiro Álvarez, con DNI 34474177Y, e enténdese legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

a) Bens inmobles.

– Piso décimo dereita, no andar décimo terceiro en alzada da casa que forma esquina ás rúas García Camba e Andrés Muruais da cidade de Pontevedra, de 85 m2 de superficie, que estrema: fronte, rúa García Camba; dereita entrando, herdeiros de José Malvar; esquerda, piso décimo centro, oco da escaleira e piso décimo esquerda; fondo, patio do inmoble. No seu plano inferior linda co piso noveno dereita e no superior co undécimo dereita. Non constan cargas nin gravames.

Referencia catastral: 9377808NG2997N0031HG.

Valor catastral: 36.698,03 euros.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade de Pontevedra nº 1, predio nº 13744.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

Abanca, conta de aforro: 2080 5401 5930 0021 9252.

Abanca, conta de aforro: 2080 0500 5930 0008 6710.

Abanca, conta a prazo: 2080 5401 5038 1011 3513.

Banco Santander, conta á vista: 0075 8907 2207 0097 5925.

Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios dos concellos do Covelo, Ribadumia e Pontevedra.

Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112.1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución, poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2021

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública