Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 2 de novembro de 2021 Páx. 53653

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2021 pola que se anuncia o Acordo do Consello Reitor de aprobación do prego tipo para o outorgamento de autorizacións para realizar as actividades inherentes á autoprestación de servizo portuario especial á pasaxe nas infraestruturas portuarias competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio desta resolución anúnciase que o Consello Reitor da entidade pública empresarial Portos de Galicia, ao abeiro das competencias que a ese órgano lle confiren o artigo 13.f) e o 116.2 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, aprobou o prego de condicións xerais polas que se rexerá a autoprestación de servizo portuario especial á pasaxe nas infraestruturas portuarias competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que, en aplicación do establecido na disposición derradeira 46º do dito prego, este será de aplicación desde o día seguinte ao da publicación do acordo de aprobación no Diario Oficial de Galicia. As autorizacións vixentes na data da entrada en vigor do presente prego manterán a súa vixencia, agás que sexa solicitada a súa adaptación por instancia de parte ou de oficio se Portos de Galicia o considera oportuno.

O prego será de aplicación á autoprestación de servizo portuario especial á pasaxe no ámbito territorial dos portos e instalacións portuarias competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, coas modificacións que se poidan producir no futuro, e con inclusión de todos os espazos e instalacións que se xestionen en concesión.

O acceso á prestación do servizo requirirá o outorgamento da preceptiva autorización de Portos de Galicia. Mentres non se publique na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento específico para cursar a solicitude, deberá empregarse a solicitude xenérica PR004, dispoñible na dita sede electrónica, e achegar a relación de documentación indicada no sitio web de Portos de Galicia.

O texto íntegro do prego, así como a relación de documentación que se debe presentar xunto coa solicitude, atópase á disposición dos interesados que o soliciten nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, sitos en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela. Non obstante, poderá obterse a dita documentación no sitio web de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.com

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia