Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 2 de novembro de 2021 Páx. 53654

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2021 pola que se anuncia o acordo do Consello Reitor de aprobación do prego tipo para o outorgamento de autorizacións para realizar as actividades inherentes ao servizo especial de estiba, desestiba, carga, descarga e transbordo de mercadorías en portos e instalacións portuarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio desta resolución anúnciase que o Consello Reitor da entidade pública empresarial Portos de Galicia, ao abeiro das competencias que a ese órgano lle confiren o artigo 13.f) e o 116.2 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, aprobou o prego de condicións xerais polas que se rexerá a prestación do servizo de carga, estiba, desestiba, descarga e transbordo de mercadorías en portos e instalacións portuarias de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que, en aplicación do establecido na disposición derradeira 43ª do dito prego, este será de aplicación desde o día seguinte ao da publicación do acordo de aprobación no Diario Oficial de Galicia. As autorizacións vixentes na entrada en vigor deste prego manterán a súa vixencia.

O prego será de aplicación para a prestación do servizo especial de estiba, desestiba, carga, descarga e transbordo de mercadorías na zona de servizo dos portos competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, coas modificacións que se poidan producir no futuro e con inclusión de todos os espazos e instalacións que se xestionen en concesión, e regula, polo tanto, a actividade das persoas físicas ou xurídicas que realicen as actividades de prestación do servizo nos buques e dentro da zona portuaria.

O acceso á prestación do servizo requirirá o outorgamento da preceptiva autorización de Portos de Galicia. Mentres non se publique na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento específico para cursar a solicitude, deberá empregarse a solicitude xenérica PR004, dispoñible na dita sede electrónica, e achegar a relación de documentación indicada no sitio web de Portos de Galicia.

O texto íntegro do prego, así como a relación de documentación que se debe presentar xunto coa solicitude, atópase á disposición dos interesados que o soliciten nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia, sitos en Área Central, praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela. Non obstante, poderá obterse a dita documentación no sitio web de de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.com

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia