Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 29 de outubro de 2021 Páx. 53085

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se aproba a modificación parcial dos estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia Lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, a aprobación e a modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar a modificación parcial dos vixentes estatutos do Colexio de Procuradores da Coruña aprobados pola Orde do 6 de maio de 2013 (DOG núm. 99, do 27 de maio).

2. A modificación afecta o contido dos artigos 35, 37, 40 e 44, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo

ANEXO

Modificación dos artigos 35, 37, 40 e 44 dos estatutos do Colexio
de Procuradores da Coruña aprobados pola Orde do 6 de maio de 2013

Artigo 35. Xuntas xerais ordinarias e extraordinarias

1. A Xunta Xeral pode celebrar sesións con carácter ordinario ou extraordinario.

2. No primeiro e no último trimestre de cada ano natural celebraranse sesións da Xunta Xeral, que terán carácter ordinario. A primeira delas coñecerá necesariamente dos asuntos descritos nas letras b) e d) do punto 2 do artigo anterior, e a segunda do relacionado na letra c) do mesmo punto e artigo.

3. Poderanse celebrar tamén sesións extraordinarias, para coñecer dos asuntos propios da convocatoria, cando o acorde a Xunta de Goberno, por propia iniciativa, por instancia do decano ou por solicitude de, polo menos, a terceira parte dos colexiados.

4. As xuntas xerais, ordinarias e extraordinarias, poderanse convocar, constituír, celebrar sesións, adoptar acordos e remitir actas, tanto de xeito presencial como a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos a identidade dos membros, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, a interactividade e intercomunicación entre os seus membros en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

Os membros que participen a distancia terán para todos os efectos a consideración de asistentes e, en particular, para os efectos da determinación do quórum requirido para a válida constitución do órgano colexiado e o réxime de maiorías na adopción de acordos.

En todo caso, estas previsións poderán ser desenvolvidas polo Regulamento de réxime interior do Colexio de Procuradores.

Artigo 37. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno convocará as sesións da Xunta Xeral con quince días de antelación, que nos casos de urxencia, debidamente xustificada, poderá reducirse a dez.

2. A convocatoria publicitarase coa antelación prevista no punto anterior na páxina web do Colexio e por medio de circular que se deberá remitir a cada colexiado mediante o seu depósito nas correspondentes caixas de notificacións ou por medio electrónico cando o colexiado sinala ese medio como preferente ou consinta a súa utilización.

3. Na convocatoria deberase precisar o lugar, o día e a hora de celebración e se esta se celebrará de xeito presencial ou a distancia. A convocatoria incluirá a orde do día e irá acompañada, cando sexa necesario, da documentación correspondente aos temas que se van debater. Os colexiados, en todo caso, poderán exercer o seu dereito á obtención de información sobre os asuntos da orde do día.

4. O lugar de celebración poderá ser tanto de xeito presencial como a distancia por vía telemática. Nas sesións que celebren os órganos colexiados a distancia, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure, por medios electrónicos de comunicación audiovisual, a identidade dos membros ou persoas que os suplan, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión. En todo caso, estas previsións poderán ser desenvolvidas polo Regulamento de réxime interior do Colexio de Procuradores.

Artigo 40. Adopción de acordos

1. As votacións poderán ser ordinarias ou secretas. A Presidencia da Xunta Xeral decidirá a modalidade de votación que se vai empregar. A votación secreta efectuarase mediante papeletas que se deberán depositar en urna.

2. Como regra xeral, os acordos adoptaranse por maioría dos votos emitidos. Non obstante, a adopción de acordos relativos á moción de censura, disolución e fusión do Colexio exixirá a concorrencia dos quórums de asistencia e de votación especialmente previstos nestes estatutos. O voto dos exercentes ten valor dobre que o dos non exercentes.

3. O voto deberá ser exercido persoalmente, sen que se admitan os votos por escrito dos colexiados non asistentes nin o voto por delegación.

4. En caso de empate, o decano ou quen legalmente o substitúa ten voto de calidade.

5. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día.

6. Se a reunión se celebra a distancia, os seus membros exercerán en tempo real o voto que lles corresponda. O presidente ordenará iniciar a votación durante a reunión e recoller as respostas dos seus asistentes. Os acordos entenderanse adoptados no lugar en que se localice a sede colexial.

Artigo 44. Réxime de funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao mes, logo de convocatoria de decano, cursada con antelación necesaria para que estea en poder dos seus compoñentes corenta e oito horas antes de data fixada para a sesión, salvo que razóns de urxencia xustifiquen a convocatoria con menor antelación.

A Xunta de Goberno poderá convocarse, constituírse, celebrar sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de xeito presencial como a distancia.

Nas sesións que se celebren a distancia, os seus membros poderán encontrarse en distintos lugares sempre que se asegure por medios electrónicos a identidade dos membros, o contido das súas manifestacións, o momento en que estas se producen, a interactividade e intercomunicación entre os seus membros en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

2. Na convocatoria expresarase o lugar, o día e a hora en que se deba celebrar a sesión, a orde do día e se esta se celebrará de xeito presencial ou a distancia.

3. Para a válida constitución da Xunta de Goberno requirirase a presenza do decano e do secretario, ou de quen o substitúa, e de, polo menos, a metade dos seus compoñentes.

Os membros que participen a distancia terán para todos os efectos a consideración de asistentes e, en particular, para os efectos da determinación do quórum requirido para a válida constitución do órgano colexiado e o réxime de maiorías na adopción de acordos.

4. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. En caso de empate, o decano ten voto de calidade.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

6. Se a reunión se celebra a distancia, exercerase en tempo real o voto que lles corresponda. O presidente ordenará iniciar a votación durante a reunión e recoller as respostas dos seus asistentes. Os acordos entenderanse adoptados no lugar en que se localice a sede colexial.

7. En todo caso, as previsións relativas ás sesións a distancia poderán ser desenvolvidas polo Regulamento de réxime interior do Colexio de Procuradores.