Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 28 de outubro de 2021 Páx. 52956

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ACORDO do 19 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2021/29-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada LMT, CT Teixoeira e enlace coa RBT no lugar da Fraga, no concello da Laracha (expediente IN407A 2021/29-1), por Resolución desta xefatura territorial, do 4 de outubro de 2021, a favor da entidade beneficiaria Hidroeléctrica de Laracha, S.L., con enderezo en avenida de Arteixo, nº 19, 1º dereita, 15004 A Coruña.

Esta xefatura territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 26 de novembro de 2021 para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello da Laracha, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 30.4.2021, no BOP do 13.4.2021 e no xornal La Voz de Galicia do 9.4.2021, acto a que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectadas, ás cales se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE).

A Coruña, 19 de outubro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña