Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 25 de outubro de 2021 Páx. 51626

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 15 de outubro de 2021 pola que se nomea un membro do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

O 13 de xaneiro de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que no seu artigo 5 configura o Consello Reitor como un dos seus órganos de goberno e, no seu artigo 7, indica que é o órgano colexiado de goberno de Augas de Galicia.

A composición do Consello Reitor fíxase no artigo 7 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia onde se indica que está integrado pola Presidencia, que lle corresponde a quen desempeñe a de Augas de Galicia; a Vicepresidencia, que corresponde a quen desempeñe a dirección da entidade, e que ademais formarán parte del, entre outros, tres vogais representantes das entidades locais propostos pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

En cumprimento do disposto no Estatuto de Augas de Galicia, o 24 de xuño de 2021, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 3 de xuño de 2021 pola que se nomean os membros do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia (corrección de erros no Diario Oficial de Galicia do 15 de xullo).

O artigo 7.5 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia prevé que os vogais cesarán automaticamente cando perdan a representación do órgano propoñente. Tal é o suposto dun dos tres vogais representantes das entidades locais, logo de que a Federación Galega de Municipios e Provincias solicitase o 21 de setembro de 2021 a súa substitución.

Por todo isto, en virtude do establecido no artigo 7.5 do citado estatuto e das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. En substitución da persoa titular da Alcaldía de San Sadurniño, vogal titular nomeado pola Orde do 3 de xuño de 2021 (DOG núm. 119, do 24 de xuño) que cesou automaticamente, noméase vogal titular do Consello Reitor da entidade pública empresarial Augas de Galicia, en representación das entidades locais, a persoa titular da Alcaldía de Tomiño.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2021

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade