Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 22 de outubro de 2021 Páx. 51436

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2021 pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (código de procedemento IG406F).

Mediante Resolución do 17 de decembro de 2020 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para 2021 en réxime de concorrencia competitiva (Galicia emprende) (DOG nº 4, do 8 de xaneiro de 2021).

A resolución prevía unha dotación orzamentaria de 5.000.000 € na partida 06.A1.741A.770.4 coa seguinte distribución por anualidades:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

2016 00006

06.A1.741A.770.4

500.000,00 €

4.500.000,00 €

A intensidade de axuda establecida nas bases reguladoras é do 80 % da base subvencionable cun máximo de 400.000 €.

Ao peche do prazo o 22.2.2021 constan presentadas correctamente preto dun milleiro de solicitudes cun orzamento total que supera calquera previsión que se puider ter feito. Isto, unido á alta intensidade de axuda, amosa que o crédito dispoñible para concesións é claramente insuficiente para atender cun mínimo de eficiencia as necesidades da convocatoria e as expectativas dos solicitantes que optan á subvención.

A convocatoria establece que poderán ampliarse os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Tendo en conta, ademais, que a meirande parte dos proxectos se executarán e devindicarán o dereito ao cobramento da subvención do vindeiro exercicio.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar en 9.960.000 euros o crédito dispoñible para concesión de axudas desta convocatoria na partida 06.A1.741A.770.4, coa seguinte distribución por anualidades:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

2016 00006

06.A1.741A.770.4

500.000,00 €

14.460.000,00 €

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica