Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionaria: Gain Axencia de Innovación.
Domicilio social: rúa Airas Núñez, s/n, 15702 Santiago de Compostela, A Coruña.
Denominación: LMT, CT e RBT aeródromo de Rozas, concello de Castro de Rei, e o seu anexo.
Situación: concello de Castro de Rei.
Declaración responsable: si.
Características técnicas principais:
• Liña soterrada de media tensión a 20 kV, con orixe nun apoio proxectado por BEGASA (expte. 70-2021-AT), tipo C-3000-14, e final nunha cela de liña situada no CT proxectado, cunha lonxitude de 315 metros en condutor tipo RHZ1-240 mm.
• Liña soterrada de media tensión a 20 kV, con orixe nunha cela do CT proxectado e final nun paso aéreo a soterrado proxectado na fachada do CT existente (6809) metereolóxica, cunha lonxitude de 65 metros en condutor RHZ1-240 mm.
• Liña soterrada de media tensión a 20 kV, con orixe nunha cela do CT proxectado e final nun enpalme proxectado nunha arqueta, na cal enlaza coa LMT existente ao CT (5416) Intra Rozas, cunha lonxitude de 60 metros en condutor RHZ1-240 mm.
• Liña soterrada de media tensión a 20 kV, con orixe nunha cela do CT proxectado e final nun empalme proxectado nunha arqueta, na cal enlaza coa LMT existente ao CT (13) Rozas aeródromo, cunha lonxitude de 70 metros en condutor RHZ1-240 mm.
• Centro de transformación en edificio prefabricado, cunha potencia proxectada de 1.000 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-380 V, no cal se instalan dúas celas de liña, dúas de protección e unha de interruptor automático.
Finalidade da instalación: mellora da subministración.
Documentación complementaria:
• Separata para o concello de Castro de Rei.
• Separata para a compañía distribuidora (BEGASA).
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para a autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción a estas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionado ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberanse axustar na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra debe realizala técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular, canto establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias; o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Lugo, 14 de setembro de 2021
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo