Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50481

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 5 de outubro de 2021 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Agroalimentaria Gallega.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Agroalimentaria Gallega con domicilio na praza de Santo Domingo, número 6-8, en Lugo.

Feitos:

1. O 23 de febreiro de 2021, Jaime Luis López Vázquez, na súa condición de secretario do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Agroalimentaria Gallega constituíuna a Confederación de Empresarios de Lugo-CEL, representada por Jaime Luis López Vázquez e as entidades mercantís Embutidos Montepicato, S.L., representada por Eduardo Valín Fernández; Suministros Megaro Foods, S.L., representada por Carlos Cebrián Escolar; e a Escuela de Carniceros de Galicia, S.L., representada por Carlos Cebrián Escolar e Mario Balboa Mourín, mediante escritura pública outorgada en Sarria (Lugo) o 12 de febreiro de 2021, ante o notario Juan J. López Yáñez, co número de protocolo 480. Esta escritura emendouse por outra outorgada o 18 de xuño de 2021, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 2.334 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo «a consecución da agrupación, unión e colaboración de diferentes organizacións empresariais, empresarios individuais, entidades mercantís empresariais e, en xeral, todo tipo de entidades da Comunidade Autónoma galega cuxo ámbito de actuación se corresponda co agroalimentario, co obxecto de fomentar e promover, a través da Fundación, o sector agroalimentario galego co consecuente desenvolvemento e potenciación do medio rural en Galicia».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade Suministros Megaro Foods, S.L., representada por Carlos Cebrián Escolar, como presidente; a Confederación de Empresarios de Lugo-CEL, representada por Jaime Luis López Vázquez, como secretario; a entidade Embutidos Montepicato, S.L., representada por Eduardo Valín Fernández, como tesoureiro; e a Escuela de Carniceros de Galicia, S.L., representada por María José Torell Ortuño, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Agroalimentaria Gallega, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 27 de setembro de 2021.

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Agroalimentaria Gallega, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo