Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 15 de outubro de 2021 Páx. 50575

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-101, treito Montealegre (punto quilométrico 1+100-1+680), e na OU-150, treito Val do Regueiro (punto quilométrico 0+000-1+000), de clave OU/16/273.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 5 de outubro de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-101, treito: Montealegre (p.q. 1+100-1+680), e na OU-150, treito: Val do Regueiro (p.q. 0+000-1+000) de clave OU/16/273.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O artigo 6.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e o artigo 12.2 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, determinan que os espazos destinados a sendas para peóns ou para a circulación de ciclistas teñan a consideración de elementos funcionais da estrada. Tendo en conta este precepto, a Xunta de Galicia elaborou a estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia, entre cuxos obxectivos está o fomento dos sistemas de transporte alternativos aos motorizados, que permitan minimizar as repercusións sobre o ambiente e os seus impactos sociais e económicos.

Segundo. A actuación obxecto do proxecto consiste na creación de dous itinerarios peonís e ciclistas nas estradas OU-101 e OU-150 que se recollen no proxecto construtivo que nos ocupa.

As actuacións que se recollen no proxecto son as seguintes:

• Na marxe dereita da estrada OU-101, proxéctase unha senda continua que parte da beirarrúa existente e se prolonga ata o refuxio da parada do bus existente nesta marxe.

• Na marxe dereita da estrada OU-150, proxéctase unha senda desde o cruzamento coa N-525 ata o comezo do treito coa ponte existente sobre o rego de Val do Regueiro.

Terceiro. No DOG núm. 103, do 3 de xuño de 2021, publicouse o Anuncio do 11 de maio de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-101, treito: Montealegre (p.q. 1+100-1+680), e na OU-150, treito: Val do Regueiro (p.q. 0+000-1+000) de clave OU/16/273.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Cuarto. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes, e no trámite de información pública formuláronse alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que “logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente”.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais nas que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Ourense deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que, simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e logo dos informes, certificados y alegacións presentadas,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-101, treito: Montealegre (p.q. 1+100-1+680), e na OU-150, treito: Val do Regueiro (p.q. 0+000-1+000) de clave OU/16/273.06.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-101, treito: Montealegre (p.q. 1+100-1+680), e na OU-150, treito: Val do Regueiro (p.q. 0+000-1+000) de clave OU/16/273.06, sen modificacións respecto do trazado sometido a información pública.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ourense deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas